Turismo de Galicia aposta polo impulso turístico do rural

Nava Castro_16012017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Santiago dúas liñas de axudas que o departamento que dirixe outorgará neste ano 2017 co obxectivo de impulsar o potencial turístico do medio rural galego.

A primeira liña de subvencións está dirixida á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo.

Nava Castro explicou que o obxectivo desta liña de axudas dotada con preto de 667.000 euros é fomentar a coordinación entre pequenos operadores económicos das áreas rurais para permitirlles adquirir en común unha escala económica da que carecen individualmente.

Segundo sinalou, os requisitos destas iniciativas é que a participación destes axentes estea vinculada a microempresas, consorcios ou asociacións e que o proxecto teña unha orientación comercial. “Deste xeito, con estas subvencións prestaremos apoio a aquelas actividades que poñan en valor e dinamicen economicamente as zonas rurais a través da oferta conxunta de dous ou máis operadores turísticos”, destacou.

Así, os proxectos que se poden subvencionar consistirán no deseño, creación promoción e comercialización de produtos turísticos de Galicia e as actividades deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, é dicir, fora dos sete núcleos de poboación máis grandes da nosa comunidade -A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago-.

Nava Castro indicou que os produtos turísticos obxecto das axudas terán que ter carácter innovador e deberán axustarse a algunha das seguintes liñas temáticas: produtos cabeceira de marca de Galicia, produtos destinados á creación de oferta de turismo familiar ou sénior, produtos destinados á xeración dunha oferta distintiva que se acomode ao concepto “que facer en Galicia cando chove”, produtos ou rutas innovadoras e de descubrimento de novos nichos de mercado, produtos construídos baixo a idea da “cultura celta de Galicia”, produtos baseados na creación de fins de semana, pontes ou outros períodos temporais de carácter temático ou que se desenvolvan e valoricen os cascos históricos de Galicia.

Accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural

A outra liña de subvencións presentada hoxe por Nava Castro está destinada ao fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural galego e conta cun crédito total 2.000.000 euros.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia o obxectivo continuar dotando ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos.

Nava Castro destacou que esta liña de axudas impulsará a mellora da accesibilidade física e a sinalización dos seguintes recursos turísticos: miradoiros, praias marítimas e fluviais, Bens de Interese Cultural, sendeiros galegos homologados pola Federación Galega de Montañismo e Rutas BTT pertencentes á Xunta de Galicia.

“Con esta iniciativa estamos a contribuír a facer de Galicia un destino turístico accesible para todos e potenciar o medio rural continuando incrementando así as súas cifras de demanda”, resaltou.

Bolsas formativas

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia lembrou que o departamento que dirixe destinará 178.744,3 euros para a concesión de 14 bolsas de formación práctica en materia de turismo, cinco en oficinas de turismo de mercados emisores e nove en diferentes áreas deste departamento da Xunta.

Segundo explicou, as bolsas que se desenvolverán na rede de Oficinas Españolas de Turismo no Estranxeiro, concretamente nas cidades europeas de Londres, París e Berlín e tamén São Paulo (Brasil) e Los Ángeles (California), terán unha duración de dez meses.

Pola súa parte, das nove bolsas de formación práctica a desenvolver en distintas áreas de Turismo de Galicia, unha delas concederase para a especialización na Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia e as oito bolsas restantes terán como destino as oficinas de turismo das cidades de Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar