BNG a discusión

O 26 de outubro de 1982 no Pazo dos Deportes d’A Coruña, semellaba que o nome era o único atranco que podía impedir o consenso na fundación do BNG.
Uns rexeitaban o nome de BNG “polas súas claras connotacións anteriores” e outros defendíano “dada a grande introdución que xa ten a verba Bloque na sociedade”.
Na votación final, a denominación Bloque Nacionalista Galego conseguiu 529 votos; Fronte de Unidade Nacionalista 142, Galicia Unida 103, Fronte Nacionalista Galego 0, máis 16 abstencións.
Finalmente, como diría Xosé Manuel Beiras “o contido programático desta organización, a súa estruturación e o desexo de unidade, fainos asumir o que haxa que asumir, até o nome”.
Unha boa parte de militantes seguiron rexeitando a palabra Bloque, pero a sociedade continuou denominando a nova organización co nome vello.
Este feito non foi obstáculo para que o BNG comezase unha importante introdución social até converterse na “casa común de todo o nacionalismo” e, por conseguinte, un meteórico ascenso electoral.
Agora, na súa refundación, semella que o nome volve estar en cuestión, con menos virulencia ca daquelas e máis de portas a fora que dentro da propia organización, todo hai que dicilo. A guerra do nome non deixa de ser moitas veces outra cousa que unha batalla interna de egos.
Se cadra pode servirlles aquela experiencia para non afanarse en discusións que non son substanciais.
De nada serve mudar o nome se non se visualizan e se resolven os problemas. As grandes marcas non tiran pola borda con trocos non só a súa introdución social, senón o seu compoñente afectivo que vai pasando de xeración en xeración, converténdose non só na súa grandeza, senón no único método de supervivencia.
Hai exemplos de partidos europeos, sobre todo os vellos PC, que mudaron tanto de nome que se diluíron. E outros, como ERC ou o PSOE, que persistiron no nome histórico e axeitaron canto fixo falta a súa política aos cambios sociais.
Penso que o BNG ten outros retos. Por exemplo, como articula a pluralidade dentro da propia organización e como logra maior participación das bases e maior transparencia e axilidade nas súas decisións orgánicas.
Outro, sen dúbida, é atopar un novo xeito de facer política e un novo xeito de comunicar. Cun discurso transversal no que non se perda de vista as desigualdades e a complexidade da sociedade, para así aglutinar os que queren cambio social e nacional, as dúas caras indisociábeis do mesmo obxectivo. Os encargados de facelo deben crer nesa nova cultura política
E ollo, quen non sabe de onde ven, non sabe a onde vai.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar