Ourense celebrará o 26 o Premio “Xove Empresario de Galicia”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado pola presidenta da Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegasxe-AJE Galicia), Carmen José López, e polo presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Ourense, Lois Babarro, presentou  o programa da “VI edición do Premio Xove Empresario de Galicia”, que se entregará o vindeiro 26 de xaneiro no Teatro Principal de Ourense. A Deputación de Ourense colabora con este evento, “no que se premia o talento dos emprendedores galegos en innovación, internacionalización e creación de emprego, unha iniciativa que apoia a institución provincial polo que supón de abrir portas ao futuro económico da provincia de Ourense”. Baltar dixo que son moitos “os escenarios de colaboración que mantemos co colectivo dos xoves empresarios, pois compartimos con eles esa visión integral de provincia para seguir promovendo o noso territorio e potenciando a “marca Ourense”, pois eventos como este sitúan a Ourense estes días como a capital galega do emprendemento para os xoves empresarios”.

 

Manuel Baltar_presidenta da Federación Galega de Xoves Empresarios Carmen José López e presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Ourense_Lois Babarro_10012017

Lois Babarro e Carmen José López agradeceron a colaboración que sempre amosa a Deputación de Ourense cos Xoves Empresarios, e destacaron que o premio ao colectivo dos emprendedores “é un recoñecemento ao talento dos novos empresarios e ao seu pulo por xerar riqueza e emprego no noso territorio”, explicou Babarrro, quen subliñou que esta organización empresarial conta na provincia de Ourense con 105 asociados cuxa empresas facturan en total máis de 50 millóns de euros. No ámbito galego, segundo explicou Carmen José López, “a Federación de Xoves Empresarios abrangue a empresas que representan a máis de 7.000 traballadores e cuxa facturación supera os 426 millóns de euros”.

A gala de entrega do premio situará a Ourense como capital galega do emprendemento. “Aquí nos empaparemos de ourensanía e darémoslles a benvida aos xoves empresarios de Galicia, para lanzar unha mensaxe que permita visualizar o potencial dos novos emprendedores, e dicir que en Ourense e Galicia se poden xerar grandes proxectos, e diso temos moitos exemplos de talento e innovación, que serven tamén de alicerce para os universitarios que pretenden poñer en marcha no futuro proxectos empresariais”, sinalou Carmen José López.

Na súa sexta edición o Premio Xove Empresario de Galicia conta con dúas categorías e tres accésit: “Premio Xove Empresario de Galicia 2016”, “Premio Xove Emprendedor de Galicia 2016” e accésits á Innovación, Creación de emprego e Internacionalización.

As candidaturas ao premio poden presentarse ata o vindeiro día 19 de xaneiro no enderezo electrónico: gerencia@fegaxe.com, e os candidatos deben cumprir como requisito ser empresarios e ter data de nacemento posterior ao 1 de xaneiro de 1976. A empresa candidata debe ter domicilio social en Galicia e o seu capital social deberá estar participado nun 25 %, como mínimo, por persoas físicas menores de 41 anos, e non poderá estar participada por entidades ou empresas de titularidade pública.

Os premios teñen carácter honorífico e os galardoados recibirán un premio creado en exclusiva para este evento. O xurado terá en conta para ditaminar aos gañadores aspectos da empresa como: creación de emprego estable, evolución dos beneficios da empresa, volume de investimentos, grao de proxección nacional e internacional, boas prácticas na xestión empresarial, respecto polo medio ambiente, implicación no asociacionismo empresarial, calidade do produto ou servizo, innovación, sectores emerxentes, orixinalidade, expansión en mercados internacionais, creatividade e investigación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar