Resaca de Nadal e ‘reseteo’

O tempo morado de Advento, de vixilia e de esperanza, abriu ao Nadal, a un nacemento… e nel a unha secuencia de celebracións e símbolos brancos, verdes, roxos, brillantes, para a consolidación da base da sociedade, a casa, a parroquia. Seguirá a corentena da Coresma dedicada a resetear, a cavilares sobre a vida e sobre a morte, pra fender o ritual cun Entroido, e sempre o disfrazo e a festa que xa se está a preparar.

Ala vai o Nadal, cargado de presenzas e de ausencias, de billetes e bombos de lotería, de paquetería e importacións, de ovos-robot Pënbo, de bandalleiros Papa Noel, Santas Claus, apalpadores e Magos de postizos. Qué menos que Reis Magos neste noso confín de magos e meigas, cara a onde tamén conducen no ceo as estrelas. E como banda musical de fondo os retrouseiros porromperos e “peces que beben y beben y vuelven a beber…”. Namentres esquecemos as tradicións dos nenos a cantar polas portas, a reclamar o seu aguinaldo, con ese inmenso repertorio de retranqueiros cantares de escarnio, vilancicos urbáns e cancións de anxos, pange lingua, as panxoliñas…

Mandan os móbiles e os plasmas, reclaman toda a atención e teledirixen. invasión de anuncios de perfumes pra reafirmar o ego, entre tantos rituais comerciais. Mesmo poida que non se entenda a poética, as metáforas deste tempo de anovación que toca, como a do florido Árbore da Vida ou de Nadal, cargado de froitos, agora metalizados e con grilandas de luz led, e menos se entenda aínda o da instalación dese Belén, cargado con todos os anacronismo que lle queiramos dar a fin de dar conta do nacemento do fillo dun carpinteiro e das aventuras duns Reis Magos, os que, ao menos por unha vez, baixan do seu trono pra pousar os pes no camiño, guiados polas estrelas. Como tampouco debe devecer o enxergar o simbolismo dun vía crucis que sigue no tempo litúrxico e explica os trunfos, as traizóns e as esperanzas dunha vida. Ambas cuestións didácticas repartidas no mapamundi polos franciscanos de “Paz e ben”.

Ao xeito e ao saber de cada quen represéntase a aldea de Belén nunha noite de neve e de estrelas, de pastores, lavandeiras e mesoneiros egoístas… namentres asoma á porta do seu empoleirado castelo un rei tirano, ao servizo do Imperio Romano, Herodes I o Grande: con receo olla ás estrelas e a tres Reis Magos que as seguen… presinte que se cumpre a vella profecía do nacemento dun novo rei… manda matar aos primoxénitos menores de dous anos.

Pasou un Nadal máis, un fito que pecha e abre un novo almanaque, atrás quedou unha Noiteboa máis. Repasamos as efemérides e lembramos que naquela noite máxica do 2013 un raio prendeu lume no Santuario da Virxe da Barca en Muxía, todo un símbolo a sumar á Historia da Costa da Morte.

E velaí na ristra das celebracións a dos Santos Inocentes, cativos, submisos santiños, que por selo teñen onomástica na concentración parcelaria deste día, que nin se erguen aos altares, nin se sacan en procesións, nin xuntan beatas ao redor. Episodio bíblico que repara nunha aberración humana, e que mesmo se repite hoxe doutro xeito. Fonte de inspiración tamén, velaí a novela de Delibes, levada ao cine no 1984 e dirixida por Mario Camús, na que insiste na prepotencia e tiranía dos amos, fronte a criados en propiedade, tachados de pailáns, asoballados e resignados, sen dereitos e con todos os deberes. Son “os esquecidos” sobre os que tamén tratou Buñuel.

E quen nace con estrela pecha o seu ciclo con estrela… ou estrelado. Naquel 28 de decembro do 2002, cando a beiramar de Galiza e máis aínda a da Costa da Morte estaba enchapapoteada pola masa viscosa do petroleiro Pestrige, morría de magoa na súa diminuta e ecolóxica casa de “non estar” Manfred Gnädinger, o alemán, Man, home ceibe de Camelle. Episodio que, fixo realidade o que contaban as lendas galegas sobre a buscada trabe de ouro e a trabe de alcatrán… máis a cobiza tentouno e petouse coa trabe de alcatrán: o mundo ennegreceu en bile e fendeuse. Fíxose realidade aquele premonitorio sono seu, o que, seica, contaba días antes do seu pasamento: unha desacougante balea negra emerxía do océano, pra morrer e enterrala entre os coios do seu habitáculo… Man de Camelle, pasará a Historia como un icono da ecoloxía: a súa faciana topografada en isóbaras de terror, querendo tapar coas mans os sentidos á deshumanización. Vía crucis contemporáneo, vida e obra que o tempo consinte en esborrallar, esa teima polas cosmogonías, as esferas, pinturas de círculos, base de todo… Agora os Catro Elementos cobren co seu manto aquelas lembranzas de Camelle. Man é xa, sen canonizar, nin falta que lle fai, un Santo Inocente máis entre a infinda ringleira das ánimas da Corte de Celestial, entre eses neniños, raparigos e vellos de tristeiro final, vítimas da guerra en Siria e máis alá e máis aquí. Santiños inocentes do hoxe, que entre os ollos de medo aínda teñen forza pra ofrecernos e erguer cos dedos a “V” de vítimas e vencidos.

E menos mal que, por aquí, mudamos o concepto de Santa Rosalía, como a inocente da morriña e das saudades patrias, pola galega de conciencia patria. Como santo puidera ser o mago santo Castelao, pois velaí, finado en tempo de Magos do 1950… ou San Isaac do Castro e de Sargadelos, con estrela na fronte, como non, tamén chamado ao Transmundo nunha véspera do día dos Magos do 2012, quen fixo milagres obreiros en plenas guerras, ditaduras e transicións inacabadas, que tivo o seu particular vía crucis, aínda sen Pascua Frorida, castigado como xa fora seu antecesor San Raimundo Ibañez, tripado polos facos, os cregos rancios e e a ignorancia. E tantos homiños e mulleres maltratadas, con esa mesma santa paciencia en construír pontes, abrir portas para acoller.

Tampouco nada queda xa da noutrora celebrada noite do 31 de xaneiro, a dedicada ao San Silvestre, santo dos exorcismos e dos esconxuro contra demos e meigas, con altar propio nese santuario dedicado a anxos bos que é do Corpiño. E ben falla que facía santiño así pra entrar con bo pe en tempo novo. Celebrado noutrora cada noite de fin de ano en grandes feiras “de derradeiro” seguido de folión, fogueiras e roldas ao seu redor… Cousas que xa soamente se lembran, si acaso, nos libros de etnografía. Pra hoxe reservar o nome do santo pra entroideiras e masivas carreiras. E como tantas festa rematar en botellón, neste caso engalanados e arredor de campanarios administrativos, a pulo de badaladas e de engulir, ao seu titmo, doce uvas do Sur.

E eses Reis Magos, que resisten pese a tanta heterodoxa intromisión, algo lles queda de magos.

Vellos mitos, vellos ritos; novos mitos do consumo, novos ritos consumistas. Vivir pra enxergar e contrastar a realidade da virtualidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar