Nova ordenanza sobre a ORA na Coruña

nova-ordenanza-a-hora-na-coruna_provisional

Como salienta o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, a nova normativa establece un período de entre unha e dúas horas para evitar a sanción a través do pagamento dunha tarifa ‘post-pagada’, que oscila entre os 1,5 e os 6 euros segundo a infracción se refira a exceso de tempo de aparcamento ou carencia de tícket

O Goberno local someterá á próxima sesión plenaria, que terá lugar o vindeiro luns, día 9, o novo texto da ordenanza reguladora do servizo público de ordenación e regulación do aparcadoiro na zona de uso xeral (zona ORA) e espazos para uso de residentes, para a súa aprobación definitiva. A nova ordenanza, destaca o edil de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, introduce novidades como a posibilidade de retirar os avisos de denuncia por estacionamento sen autorización ou por exceso do tempo permitido, a través do pago dunha tarifa que oscila entre os 1,5 e os 6 euros dentro duns prazos de tempo de ata 60 minutos despois do aviso de denuncia (no caso da ausencia de título habilitante) ou de 120 minutos, en caso de exceso de tempo de estacionamento con título. Deste xeito, as persoas que reciban aviso de denuncia por carecer de título habilitante ou non ser este válido, poderán evitar a sanción a través do pago de de 6 euros dentro dos seguintes 60 minutos desde o aviso de denuncia. No caso de que a denuncia estea motivada por un exceso de tempo  respecto do sinalado no tícket, a tarifa para evitar a sanción será de 1,50 euros para os casos en que o pagamento se realice nos 60 minutos posteriores ao fin da autorización, e de 3 euros, para os casos en que o exceso de tempo estea entre os 60 e os 120 minutos.

O novo texto, que será sometido a votación despois de obter a aprobación inicial no Pleno do 12 de agosto, incorpora outras novidades, como a posibilidade de obter as autorizacións de estacionamento nas zonas de uso xeral a través de dispositivos móbiles ou telemáticos, ademais de nas máquinas expendedoras instaladas na vía pública. Tal e como se establece, nos recibos da autorización deberá figurar, ademais da data e a hora de inicio e fin da mesma, a matrícula do vehículo e a zona de estacionamento.

Entre as novidades que se inclúen na normativa municipal está a desaparición da zona sinalizada en cor laranxa, e coñecida como de ‘párking exprés’ -un total de 52 prazas en toda a cidade, para as que se estipulaba un tempo máximo de estacionamento de 20 minutos-, en estimación dalgunhas das alegacións presentadas polo grupo municipal socialista e o BNG. De igual xeito, a nova ordenanza da ORA introduce, en resposta doutra alegación formulada por estas formacións, a posibilidade de que as e os titulares de tarxeta que habilita o estacionamento en lugares reservados para persoas con discapacidade -residentes no termo municipal- poidan estacionar de xeito gratuíto en espazos ORA de uso xeral -zona azul- durante un máximo de dúas horas ao día, previa tramitación dunha solicitude neste sentido -para entrar a constar no rexistro-, que terá a mesma vixencia temporal que a tarxeta para estacionamento en zonas reservadas. Deste modo, as persoas usuarias desta tarxeta habilitante que queiran estacionar en zona de uso xeral deberán obter o tícket a través das máquinas expendedoras, ou de dispositivos móbiles e telemáticos, autorización que lles sairá gratuíta durante os 120 primeiros minutos de cada día.

Segundo consta na nova ordenanza, a ORA mantén o mesmo horario de funcionamento que ata agora, os días laborables, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 14.00 horas.

Residentes

A norma municipal aprobada este luns no Pleno contempla ademais unha nova regulación respecto das persoas residentes, xa que pasan a ter esta condición (aos efectos da concesión do distintivo de estacionamento) aquelas veciñas e veciños con domicilio en zonas ORA que figuren no Padrón Municipal e respondan a un dos seguintes supostos: ser residente cun vehículo en propiedade, ser residente e ter un vehículo en réxime de arrendamento financeiro (leasing ou renting) ou, por último, ser residente usuario ou usuaria dun vehículo de empresa co que se mantén relación laboral contractual. En todos os casos, os requisitos para a obtención do distintivo pasan por estar ao corrente o pagamento do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e o pagamento do seguro obrigatorio en vigor, así como non ter pendente de pagamento, en vía executiva, ningunha débeda co Concello no momento de realizarse a solicitude. Ademais, a persoa solicitante deberá ser, ben titular do vehículo para o que se pide a autorización ou, no seu caso, do contrato de arrendamento financeiro, ou ben contar con autorización da empresa para o uso do vehículo para o que se solicita autorización de maneira única e exclusiva da persoa solicitante, incluso en horario non laboral (para o caso de vehículos cedidos por empresas, tanto se son propiedade da empresa como se está adquiridos mediante contrato de leasing ou renting).

O prazo de solicitudes para a obtención do distintivo de estacionamento para espazos de uso de residentes abriu o 15 de decembro e rematará o vindeiro 31 de xaneiro. Tal e como se recolle na nova normativa, fóra deste prazo e con carácter excepcional poderanse solicitar unicamente autorizacións para novos vehículos por cambio de domicilio ou outras causas debidamente xustificadas, para permitir modificacións na autorización inicial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar