TVG: Un director de cine escolle “Augasquentes” para un rodaxe

tvg_serie-augasquentes_roldaxe

Nesta entrega de “Augasquentes”, a vila resulta escollida para a rodaxe dun filme. Un director de cine, un galán de telenovelas e a súa parella na ficción elixirán Augasquentes para gravar a súa nova película, un acontecemento que revolucionará a todos os veciños. Todos eles devecen por seren actores e actrices e seren escollidos para saír na película. Algúns terán esa sorte e outros non, pero todos intentarán buscar un oco para acadar o seu momento de gloria.

A única á que non lle fará ilusión a rodaxe da película será a Ana. Por un lado, debido a que a parella do protagonista será Marta, a súa ex-amiga que tivo unha historia con Rober, e por outro, porque tamén aparecerá pola vila o seu ex-marido para decidir xuntos o avogado que contratarán para que lles leve o divorcio. Agora que todo parecía ir ben con Xoel e Rober acepta o divorcio, Ana semella non ter claros os seus sentimentos. Ademais, continúa disposta a seguir exercendo de xuíza, polo que solicita a praza vacante do xuíz Blanco, algo que ao maxistrado emérito non lle vai facer graza ningunha. Coa axuda de Telmo, Blanco intentará por todos os medios que Ana non quede na súa praza e sexa outra xuíza a titular de Augasquentes.

 

 

LARPEIROS

 

Na entrega de hoxe os “Larpeiros” da Televisión de Galicia manteñen unha animada conversa sobre os lugares onde levar a comer os convidados de fóra de Galicia. Establecementos hainos a moreas e, aínda que a cociña galega mudou moitos nos últimos anos, os produtos naturais seguen sendo de moi boa calidade. O mestre dos fogóns do programa, Don Benigno, está disposto a facer un deses pratos que deixan pampo a todo comensal nacional ou estranxeiro, un guiso de robaliza.

Para elaborar este menú, Adrián vai ata Baiona para obter a mellor robaliza das rompentes do Cabo Silleiro, onde o mar bate bravo e limpo. De volta a casa, Merche e Leni terán preparado un crumble de peras e amoras para a sobremesa.

 

A REVISTA

 

Laura Peña, a presentadora do espazo “A Revista”, entrevista á cantante Uxía, organizadora do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, que se celebra o vindeiro 14 de xaneiro no Pazo da Cultura en Pontevedra. Neste festival participarán Guadi Galego, o guineano Manecas Costa, o angolano Paulo Flores, a portuguesa Celina da Piedade, a brasileira Kátya Teixeira e Santiago Auserón, como artista convidado. Todos eles estarán acompañados da banda dirixida por Paulo Borges, coa dirección artística do festival a cargo da mesma Uxía.
O programa achegarase en directo a Palas de Reis, onde se sitúa un albergue de peregrinos inspirado nos hoteis cápsula xaponeses. A finalidade destas liteiras-cápsula é a de darlle máis intimidade aos hóspedes ca a que proporcionan os cuartos compartidos nos albergues. Ademais, os reporteiros do programa desprazaranse a Vilalba, onde serán testemuñas de como avanza a colleita do grelo.
Por último, a colaboradora habitual Edith López, experta en moda, falará este martes dos modelos máis salientables da alfombra vermella dos Globos de Ouro.

 

 

ZIGZAG DIARIO

 

A prensentadora do “ZigZag Diario”, Pilar G. Rego, entrevista hoxe a Adriana Pazos, directora de OLALAB, unha iniciativa e espazo cultural impulsado por diversos artistas unidos polo seu xeito de sentir a arte. Falará da exposición “Materia Prima: Reducto da cultura urbana”, que acolle este centro compostelán e que recolle pezas de sete artistas con distintas visións do contexto urbano, nas que se inclúen testemuños, retratos e momentos vitais dos protagonistas.

Ademais, o programa cultural da tvG2 emitirá unha reportaxe sobre o ciclo de películas de Jim Jarmusch que estrea na Coruña o CGAI. O lanzamento de “Paterson”, a finais do 2016, trouxo de novo a actualidade o nome deste cineasta independente nado nos Estados Unidos e que vén marcando a moitos cinéfilos desde hai tres décadas. O ciclo que se proxectará na Coruña incluirá filmes coma “Noche en la Tierra”, “Dead Man” ou “Gimme Danger”.

No programa de hoxe haberá tamén iconas da arte pop. As que recolle a mostra do Centro Cultural Marcos Valcárcel, que reúne traballos dalgúns dos artistas máis emblemáticos do xénero. Os visitantes poden atopar desde a presentación dunha instalación realizada por Andy Warhol ata obras de Pietro Psaie ou apartados temáticos dedicados a Marilyn Monroe, Frida Kahlo ou Hollywood.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar