Medio Rural colabora en el VII salón de Viños e Licores de Expourense

expourense_acordo-vino-finis-terrae_07012017

A Consellería do Medio Rural colaborará na organización do VII Salón do viño e licores galegos de calidade “Vinis Terrae”, que terá lugar os vindeiros días 3 e 4 de abril de 2017 en Ourense. Así o acordaron a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, nunha xuntanza de traballo na que perfilaron as liñas de cooperación nesta materia.

Ambos coincidiron en valorar a importancia deste certame como punto de encontro de adegueiros e comercializadores. Trátase dun salón estritamente profesional, que reúne aos representantes das adegas das cinco denominacións de orixe galegas (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra) e a compradores tanto nacionais como internacionais, para planificar a venda do viño galego nos diferentes mercados.

En “Vinis Terrae” 2017 tamén participarán industrias e cooperativas das indicacións xeográficas protexidas de viños da terra (Barbanza e Iria, Terra de Betanzos e Val do Miño-Ourense), así como elaboradores e envasadores de augardentes e licores tradicionais de Galicia. No eido da distribución e a hostalería, está prevista a presenza de representantes de diferentes comunidades autónomas españolas e de máis de 15 países, así como prensa especializada.

Ademais de traballar neste centro de negocios, os asistentes ao certame tamén disporán dun amplo abano de actividades relacionados co viño e coa cidade de Ourense, especialmente pensadas para coñecer de primeira man as características dos viños galegos, as instalacións das adegas e a situación actual do sector. Así, haberá catas comentadas, un túnel do viño, maridaxes, conferencias, visitas a adegas e percorridos guiados polo casco histórico de Ourense e os seus baños termais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar