Venturoso 2017!

Desexo que 2017 traia unha vida venturosa para toda a xente deste mundo, para os que andan na política, para os traballadores e traballadoras, para aquelas persoas que se dedican ao ensino, á investigación, ás tarefas domésticas, á música ou a calquera das outras artes; para quen anda na sanidade, nas estadas, na agricultura, na función pública e para aqueles e aquelas que traballan no que sexa, no que poden, aquí ou fóra, dun e do outro lado dos océanos. Desexo que este ano que comeza, e que nun santiamén nos coloca no seu final, achegue unha vida feliz para todos, sen excepción de ninguén. Amén.

Poderemos conseguilo? Para que haxa felicidade na sociedade, ten que haber outras cousas, traballo, respecto  e igualdade, cando menos. Estamos demasiado acostumados ao bla, bla, blaaa, restándolle credibilidade ás promesas, aos prognósticos e ás ofertas, veñan de onde veñan. Pero se recuperamos a confianza en nós mesmos e nos nosos, poderemos conseguilo, poderemos acadar un mellor nivel de vida, con garantías de manter nunha situación satisfactoria ao ensino,  á sanidade e aos servizos socias. Non sería pouco! Remata un ano e vén outro cos mesmos males e coas mesmas persoas sufrindo. Intentaremos cambiar o rumbo!

O ano que se foi deixou sorpresas de ámbito mundial, deixou zuna e aversión por mil cousas mal feitas, de diversas autorías. Deixou fame e famentos, pobres e apesarados. Deixou ricos aproveitados e adestrados para atropelar os dereitos dos outros, dos iguais, dos máis. Deixou rancor nos políticos e zugoulles a todos eles as ideas, deixounos como varas verdes chupadas. Foi un ano para esquecer, aínda que obrigou a abrilas portas ao futuro para que, como canta Francisco Alvero, “unamos tódalas mans / que o futuro está chamando / non o dubidemos irmáns / e avancemos sen pensalo”.

Queremos un ano con acordos e diálogo entre iguais, con desenvolvemento de políticas que garantan unha vida en plenitude de dereitos para a poboación, para os homes e mulleres, con especial atención para os pobres. Que freen o seu ímpeto os que o queren todo para eles. Queremos a erradicación da violencia, da discriminación e da desigualdade. Como di a Tía Manuela, non hai razón, nin xustificación para a súa permanencia. Venturoso 2017

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar