“Luar” recibe hoxe a Gisela, como remate do Día de Reis

gisela_luar_05012017

“Luar”, o programa que ameniza as noites do venres na Televisión de Galicia terá moi en conta no Día de Reis os máis pequenos da casa. Coma sempre, X. R. Gayoso recibirá no escenario un nutrido grupo de artistas e agrupacións de música tradicional, pero tamén contará con personaxes de animación coma “Os Bolechas”, que interpretarán “Esta é a nosa casa”.

Ademais, o programa contará coa actuación da ex-concursante de Operación Triunfo Gisela, quen desde que abandonara a Academia desenvolveu a súa carreira no eido do teatro musical e é voz de varias das melodías máis populares de Disney e doutros filmes de animación. Interpretará “¡Suéltalo!”, tema de “Frozen, El Reino de Hielo”, e “Aquella estrella de allá”, canción de “Peter Pan 2: Regreso al país de Nunca Jamás”.

Gisela non será o único talento xurdido dun reality que suba ao escenario do “Luar” esta noite. O programa tamén recibirá a outra da ex-Operación Triunfo, Natalia, que interpretará varios temas, entre eles, o seu último sinxelo “No fui una más”, lanzado en 2016; a Iker, concursante de “Pequeños Gigantes 2015”, que cantará “Mi gran noche”, e a José María Ruíz, de “La Voz Kids 2”, con “Como te mereces”. Completarán unha noite dedicada aos máis cativos, o grupo Mamá Cabra, que leva 15 anos facendo musica infantil; os percusionistas de Odaiko; os Titiriteiros de Binéfar e o grupo folk Os Quenindiole, composto por mozos.

Como é habitual, tampouco faltará a música tradicional no “Luar”, que recibirá a Treixadura, a Agrupación Folclórica Xacarandaina, a Rondalla de Pontellas ou Susana Seivane coa Banda Intergeneracional. O programa rematará con todos os participantes do concurso “Recantos” cantando como unha soa voz “Xuntos”.

 

 

CELTIC DANCE

A TVG emite hoxe pola mañá un programa musical en que se combinan as experiencias de aprendizaxe dos bailes tradicionais de Galicia e Irlanda. A prestixiosa escola de danza Dominic Graham School e os centros galegos de música tradicional O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos falarán en “Celtic Dance” do seu día a día, da preparación dos seus bailaríns e da súa dedicación para preservar e difundir a cultura tradicional de ambas terras.
“Celtic Dance” é un programa de 68 minutos en que os espectadores poderán asistir a un divertido percorrido por Irlanda e Galicia, cos seus costumes, culturas, coincidencias de ritmos e pasos de baile, todo desde o punto de vista de cativos e o denominador común do baile tradicional.

 

 

O AGASALLO

O día de Reis, a Televisión de Galicia estreará o concurso solidario de Nadal “O Agasallo”. O presentador, Víctor Grande, percorrerá a rúa Príncipe de Vigo, acompañado do paxe carboeiro representado por David Perdomo, para solicitar a participación dos viandantes. Os premios e regalos recadados polos concursantes serán entregados á campaña “Sorrisos por Tiritas” da Asociación Berce, un proxecto que pretende facer máis levadía a estancia dos cativos nos hospital Álvaro Cunqueiro.
Ademais, “O Agasallo” fará un repaso do que foron as festas a través do concurso, do humor, de pequenas pezas coma enquisas que mostrarán as preferencias dos galegos no Nadal ou de divertidas panxoliñas versionadas con instrumentos de xoguete.

 

 

A REVISTA

 

“A Revista” centrará o seu programa de hoxe nos grandes protagonistas do día, os Reis Magos. En primeiro lugar, os reporteiros do programa estarán en directo na localidade de Cangas, onde comprobarán o ben que se portaron os máis cativos dependendo dos regalos que lles deixaran os Reis ou dos quilos de carbón que os agardaban pola mañá. Ademais, en Santiago de Compostela estará desprazado outro equipo do programa para saber como avanzan as vendas do tradicional roscón de Reis e cales son as variedades máis demandadas.

A presentadora Laura Peña entrevistará no estudio a Antonio Fernandes, experto en Ciberseguridade, que falará sobre a seguridade na rede, tanto a nivel dos organismos oficiais e empresas, coma a nivel particular, para salvagardar a intimidade dos internautas. Tamén estarán en directo no espazo matinal o músico Xabier Díaz e a adufeira Noemi Basanta, do grupo Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar