A denominación de orixe “Ribeiro” admite os viños escumosos de calidade

 Ribeiro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que adopta unha resolución favorable en relación á modificación do prego de condicións da denominación de orixe Ribeiro, co fin de adaptalo ás necesidades actuais do mercado e ampliar a oferta dos seus produtos. A partir deste momento iníciase a tramitación perante a Comisión Europea, para acadar a definitiva modificación no Rexistro Europeo de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas.

Así, entre os cambios máis significativos está a inclusión da categoría correspondente aos viños escumosos de calidade, que deberán ser elaborados polo método tradicional exclusivamente con uvas brancas ou tintas de variedades autóctonas (preferentes). Tamén se establece unha diferenciación para aqueles viños que se elaboren exclusivamente con variedades autóctonas, que levarán a mención “castes”; mentres que os que sufran algún proceso de envellecemento en barricas de madeira e que tamén estean elaborados unicamente con castes preferentes levarán a mención “barrica”. Estas mencións na etiquetaxe facilitaranlle ao consumidor a identificación destes viños no mercado.

No novo prego tamén se establece a división en dúas categorías das variedades de uva que se poden empregar para a elaboración dos viños desta denominación: as variedades preferentes -que son as uvas autóctonas- e as autorizadas. Neste senso, a Consellería do Medio Rural, por demanda do sector, decidiu excluír das variedades de uva branca a macabeo, por non ser representativa da zona; e incluír as variedades lado e caíño branco nas castes autóctonas de uva branca pola súa boa adaptación á contorna agroclimática e aos sistemas de cultivos tradicionais da zona.

Densidade de plantación

No novo prego de condicións establécese unha densidade de plantación mínima de 3.000 cepas/ha, en substitución do requisito que se prevé no prego de condicións vixente, no cal se recolle unha densidade máxima de 7.000 cepas/ha. Este novo requisito establécese para ser coherentes coa realidade actual e consecuentes coa tradición da denominación de orixe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar