A Cabalgata de Reis, en directo hoxe na TVG

imageA Televisión de Galicia ofrecerá en directo a partir das 19.00 cabalgata de Reis desde Vigo, onde a canle pública instalará un set na rúa Policarpo Sanz, preto da Porta do Sol. Ademais, entre as carrozas do evento estará un vehículo da tvG2, en que desfilarán os personaxes de “Os Bolechas” e o Xabarín.

María Solar, presentadora de “A Revista”, será a encargada de narrar para a TVG a cabalgata, nun programa dirixido por Antonio Díaz Ageitos que rematará arredor das 21.00 h. Pola súa parte, o reporteiro Alberto Mancebo recollerá desde Vigo os testemuños dos asistentes ao evento, con entrevistas a pé de rúa. A Televisión de Galicia tamén fará conexións en directo coas cabalgatas da Coruña, onde estará a xornalista Iria Soengas; Santiago de Compostela, a onde se desprazará Belén Baños; Lugo, co reporteiro Antón López, e Ourense, onde estará Demetrio Morenza.

Ademais, a canle pública tamén cubrirá con reportaxes o que aconteza na xornada de Reis noutras cidades galegas, como Pontevedra e Ferrol.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar