O Hospital Cunqueiro e a Cidade da Xustiza, actuacións centrais da Xunta en Vigo

ignacio-lopez-chaves_delegado-da-xunta-lugo_rolda-almorzo_02022017

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, celebrou un almorzo informativo cos medios de comunicación para facer balance das actuacións que o Goberno galego ten en marcha na cidade e a súa área territorial ademais de informar das principais previsións para o ano que acaba de comezar.

López-Chaves resaltou coma fitos máis importantes do ano 2016 o asentamento do Hospital Público Álvaro Cunqueiro (HAC), o inicio dos trámites para proxectar a Cidade da Xustiza na antiga torre do Xeral, a recuperación do barrio histórico a través do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), onde a Xunta conta co 90% de participación, a aprobación da Lei de Medidas en Materia de Proxectos Públicos de Urxencia ou Excepcional Interese ou a do Patrimonio Cultural de Galicia coa declaración oficial do Camiño Portugués pola Costa.

Neste senso, con respecto ao HAC, o delegado sinalou que tras un ano da súa posta en marcha efectiva, o seu bo funcionamento viuse ratificado nos últimos días coa enquisa elaborada polo Instituto de Gobernanza y Economía Aplicada, onde máis de 1.800 profesionais avalían a excelencia nos hospitais públicos e privados de toda España seguindo o Índice de Excelencia Hospitalaria (IEH), e no que o HAC alzouse coma o mellor hospital de Galicia. “Pese as dificultades que tivemos, ao ano de entrar en funcionamento, ten a maior valoración”, considerou.

Mentres, no que respecta á Cidade da Xustiza, sinalou que a decisión de trasladar os xulgados ao antigo edificio do Xeral acadou “o consenso unánime de todos os sectores” cun proxecto no que se investirán 25 millóns de euros e que “soamente tivo alabanzas”. Así, informou que o arquitecto debe entregar o proxecto definitivo no mes de marzo para proceder despois á licitación do mesmo co obxectivo de que no ano 2019 a antiga torre do Xeral “sexa unha referencia para a xustiza”.

Co Consorcio Casco Vello de Vigo acadáronse grandes logros no ano 2016, como a firma do convenio entre a Xunta e a Universidade de Vigo para que esta última instale en 3 inmobles da Ribeira do Berbés (números 11, 13 e 15) a súa sede institucional e centro de linguas. Ademais, o delegado e presidente do CCVV informou da consolidación na recuperación de inmobles na parte alta da zona histórica, coa chegada de nova poboación e actividade comercial, que continuará neste ano 2017 e que, ademais, se estenderá ata a Fachada do Berbés coa adquisición de novos inmobles, coma así se fixo hai uns días coa compravenda do número 5 de dita praza.

Outro dos asuntos do ano 2016 que destacou López-Chaves foi a aprobación por parte da Xunta de Galicia da Lei de Medidas en Materia de Proxectos Públicos de Urxencia ou Excepcional Interese “para permitir que Zona Franca puidese investir no polígono de Balaídos” e así non perder importantes proxectos para a factoría viguesa de PSA tras a anulación do PXOM. “Ante un problema inmediato, a Xunta respondeu de maneira áxil. Non soamente é investimento para a cidade senón tamén atención e cariño ante os problemas que xorden”, dixo o delegado en referencia aos problemas urbanísticos nos que agora mesmo se atopa a cidade pola anulación do PXOM por parte do Tribunal Supremo.

Coma outro dos grandes fitos, López-Chaves mencionou tamén a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que levou consigo a declaración oficial do Camiño Portugués pola Costa. “Levamos traballando dende hai moitos anos, a Lei recoñece ese camiño e xa tivemos algunha reunión para iniciar a sinalización para os peregrinos”.

Proxectos rematados en 2017

Coma grandes obras que se espera ter rematadas neste ano que acaba de comezar, o delegado nomeou a EDAR do Lagares, onde a Administración autonómica está a investir mais de 100 millóns de euros, o que supón case a metade do seu investimento total. “É o maior investimento realizado polo Goberno galego nunha infraestrutura hidráulica”, recalcou.

Tamén fixo mención á ampliación do Ifevi, que o Goberno galego asumirá este ano cun financiamento de 3,2 millóns de euros para que a feira Conxemar “teña espazo suficiente” e “onde se aplicará tamén a Lei de Excepcionalidade”, explicou o delegado.

Mentres, no que respecta á área territorial, sinalou a Autovía do Morrazo e a Plisan coma proxectos máis importantes que terán un gran avance neste ano 2017 e nos vindeiros. É máis, a primeira fase das obras no Morrazo “están ao 30%” e se espera que rematen neste mesmo ano. “Son máis de 55 millóns de euros”, resaltou López-Chaves.

Navia, Intermodal e Campus do Mar

A modificación do Plan Parcial de Navia tivo un importante avance no ano 2016 coa aprobación orzamentaria de 10 millóns de euros para iniciar os trámites e facerse cos terreos nos que se desenrolará o maior parque de vivenda pública de Galicia, en total, 1.600 vivendas de promoción pública. “A maior inversión en vivenda protexida”, considerou López-Chaves. A previsión é iniciar as obras do mesmo a finais deste ano 2017, pero para iso, coma informou o delegado, fai falla que o Concello tramite a modificación do Plan Parcial.

En similar situación se atopa o proxecto da estación intermodal, que xa conta con anteproxecto aprobado e financiación “quedando pendente o asunto urbanístico”, asunto que segundo esperou o delegado, poida solucionarse neste ano.

Outro dos asuntos que tratou López-Chaves e que “por desgraza non se puido desenrolar” foi o Campus do Mar na ETEA tras contar xa co acordo aprobado tanto polo Goberno galego coma pola Universidade de Vigo e quedando pendente a aprobación do mesmo por parte de Zona Franca. Sen embargo, o representante da Administración galega na área amosouse optimista esperando que neste ano se poidan solucionar estes asuntos.

Atención social e educativa

No ámbito social e educativo, o delegado territorial comprometeu o mantemento das melloras educativas e as obras que nestes momentos están en marcha, coma se trata das obras de ampliación do CEIP Rodríguez Castelao de Navia ou no IES de Teis.

Mentres, no aspecto social, tivo verbas especiais para a atención que dende a Xunta de Galicia se ofrece a este sector e as demandas sociais da cidade. Coma exemplo, sinalou as partidas que se destinan soamente a Vigo no que a Risga se refire, sendo a cifra de 12 millóns de euros anuais para esta medida social. “Destinamos un millón de euros ao mes”, informou López-Chaves, quen lembrou tamén o incremento nun 68% para o Plan Concertado co Concello de Vigo.

Automoción e naval

O delegado non se esqueceu de que Vigo “é unha cidade industrial” tendo a Xunta unha especial dedicación e aposta polos sectores da automoción e o naval. “Feijóo se implicou persoalmente nestes ámbitos”, dixo López-Chaves, quen lembrou o 66% dos contratos asinados en España no primeiro semestre deste ano son con estaleiros galegos. Mentres, no que respecta a automoción, seguirá contando co apoio da Xunta que, ata o momento, destinou 100 millóns de euros ao sector.

Área e Transporte Metropolitano

Por último, López-Chaves mencionou e lamentou a situación actual na que se atopa o Plan de Transporte Metropolitano e da Área Metropolitana de Vigo. Neste senso, o delegado deixou claro que a Área “foi unha gran aposta da actual Xunta de Galicia” coa aprobación da Lei no ano 2012 e coa modificación da mesma, aprobada por unanimidade, no 2016. “Apostamos tanto pola Lei que fomos os únicos que a tramitamos e aprobamos”, dixo, engadindo que a aposta pola mesma “se acredita coa aprobación da Lei”. Mentres, con respecto ao PTM, insistiu no feito de que existe un convenio co Concello de Vigo “que se ten que cumprir” e que “serviu e está en marcha” no resto de municipios da área e tamén de toda Galicia.

En definitiva, o delegado da Xunta en Vigo rematou sinalando que a Administración autonómica “é a que máis inviste na cidade e neste ano 2017 o seguiremos sendo” esperando así que moitos dos proxectos pendentes “se materialicen” neste novo ano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar