Nova sinalización do tráfico na Coruña

 policia-local-sinalizacion-trafico-a-coruna

O concelleiro Daniel Díaz Grandío destaca que, por primeira vez, o Concello opta por unificar os contratos de sinalización vertical, horizontal e balizamento, “algo que, por exemplo, axilizará moito as actuacións precisas para a implantación do carril bici en toda a cidade”

A Concellería de Mobilidade Sostible, dirixida por Daniel Díaz Grandío, vén de sacar a licitación o servizo de conservación, mantemento e nova implantación da sinalización horizontal e vertical de tráfico dentro da cidade, así como elementos de balizamento. O responsable municipal destacou que «é a primeira vez que se licita un contrato deste tipo desta forma», na que todos os elementos de sinalización están incluídos nun mesmo prego. «Así, axilizamos moito o proceso de colocación de novos elementos de sinalización e balizamento na cidade», comentou o concelleiro, quen indicou que «nun concello que medra constantemente, é necesario abordar a sinalización da forma máis sinxela e operativa posible». Por exemplo, a integración dos diferentes contratos de sinalización «servirá para abordar de forma máis funcional todas as actuacións de ampliación do carril bici que non requiran de obra de infraestrutura».

O contrato, en fase de licitación, ten un prazo de duración de catro anos, prorrogables por dous máis, establecéndose un prezo máximo de preto de 350.000 euros por exercicio. «O incremento da rede viaria, así como a constante evolución de técnicas de sinalización e balizamento esixen un notable esforzo para unha adecuada xestión da mobilidade do tráfico no interior da cidade, isto conleva que continuamente debamos abordar tarefas de mantemento, conservación dos elementos que conforman a rede de sinalización horizontal, vertical e de balizamento», comentou Díaz Grandío. A empresa que resulte adxudicataria terá que encargarse de levar a cabo as actuacións en materia de sinalización e balizamento que sexan encargadas polo departamento de Mobilidade Sostible. «É importante destacar que as actuacións que se leven a cabo deben garantir unhas medidas de seguridade que afecten tanto á veciñanza, como aos e ás propias traballadoras encargadas destas tarefas», destacou Díaz Grandío.

A sinalización horizontal comprende as marcas viarias sobre o pavimento ou outros elementos da calzada. O contrato inclúe a obriga de levar a cabo, se así se estima pertinente, a nova implantación ou adaptación das actuais marcas viarias, de forma que se contribúa a mellorar as condicións de circulación e seguridade vial, así como eliminar ou modificar as marcas desgastadas ou inadecuadas.

Como sinalización vertical e balizamento se entenden tanto as sinais metálicas verticais -xa sexan fixas ou móbiles-, de adventencia, perigo, regramentación ou información, así como elementos de balización, delimitación, defensa ou guía (captaforos, redutores de velocidade, bolardos, biondas ou delineadores) que sirvan para advertir de posibles incidencias no tráfico. Baixo esta denominación tamén se inclúen elementos de sinalización interiormente iluminados con tecnoloxía LED, así como sistemas se alimentación enerxética, se ben, quedan excluídos elementos verticais como semáforos, paneis informativos variables e outro tipo de sinalización luminosa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar