Adeus a Dorotea Bárcena

dorotea-barcena_actriz_falecida-22112016_2O seu estado de saúde era delicado como ben sabían os seus compañeiros, e a actriz Adoración Sánchez Bárcena, Dorotea Bárcena, morreu hoxe en Santiago despois de 72 anos de vida e traballo e de chegar ao mundo na veciña Asturias o 9 de xullo de 1944.

Diplomada en Maxisterio, abandonou moi pronto as funcións docentes no Colexio dos Pais Xesuítas de Vigo para dedicarse de cheo ao teatro, participando en 1970 na creación, con Xulio Lago, do grupo Esperpento Teatro Xove, un dos grupos máis activos do incipiente teatro independente galego. Neste grupo dirixiu os espectáculos As bicicletas (1972, sobre un texto de Antonio Martínez Ballesteros), Historias do Zoo (1973, sobre un texto de Edward Albee) e A Orxía (1973, sobre un texto de Enrique Buenaventura), e participa como actriz noutras propostas como Os opositores , O vendedor de peixe ou O home que se converteu en can , a partir de textos de Antonio Martínez Ballesteros, Miguel Cobaleda e Oswaldo Dragún, con dirección de Xulio Lago.


Monólogo “Nocturnos con niebla”, Ponferrada, decembro de 1996

“El baile de las ánimas”, 1994

 

Participa ao mesmo tempo na dirección e coordinación das Xornadas de Teatro que Esperpento Teatro Xove organiza en Vigo e que supón a presentación na cidade de compañías como Els Joglars, Els Comediants, Ditirambo, José Luis Gómez, Aquelarre, Esperpento (de Sevilla), TEI de Madrid, Gangarilla, Caterva, A-71, Plutja, La Picota, Teatro de la Ribera, Cizalla, Teatro del Mar, Teatro del Mediodía ou PTV.

En 1985 participa como actriz no primeiro espectáculo de Teatro do Atlántico, Xoana , creado a partir dun texto de Manuel Lourenzo con dirección do propio Xulio Lago. Colabora na dramaturxia e como axudante de dirección do primeiro espectáculo do Centro Dramático Galego, Woyzeck , dirixido por Xulio Lago a partir do texto homónimo de Georg Büchner, estreado en 1984, e en 1988 dirixe Follas Novas, unha dramaturxia propia a partir do poemario homónimo de Rosalía de Castro. Durante 1988 é directora do Centro Dramático Galego. Posteriormente realiza traballos co Centro Dramático Nacional, participando no espectáculo Martes de carnaval a partir da coñecida obra de Ramón María del Valle-Inclán e dirixido por Mario Gas en 1995; con A Factoría Teatro en A casa de América (1998, sobre un texto de Edward Thomas con dirección de Cristina Domínguez) e co CDG en Xelmírez ou a groria de Compostela (1999, sobre un texto de Daniel Cortezón, con dirección de Roberto Vidal Bolaño).

En 1987 funda a compañía Teatro da Lúa, na que desenvolveu traballos como dramaturga, actriz e directora de escena. Os seus traballos están marcados pola inmediatez da posta en escena, pero tamén pola necesidade de crear historias desde a perspectiva da muller e de contalas utilizando outro punto de vista. A muller, pois non podería ser doutro xeito nun mundo dominado polos homes, aparece como a gran perdedora e como a gran esquecida, como unha boneca rota polos avatares da vida, como un botín de guerra co que agasallar a furia asasina do vencedor ou como un xoguete que se esquece terminado o xogo e xa ninguén quere.

Hai que destacar ademais as súas múltiples colaboracións e traballos en cine e televisión e os diversos premios recibidos ao longo da súa xa dilatada traxectoria profesional.

dorotea-barcena_actriz_falecida-22112016

 

 

Obra

Teatro

  • A casa da América (como “Nai”, coa Factoría Teatro; obra de Edward Thomas, dirección de Cristina Domínguez Dapena).
  • Agasallo de sombras (co CDG)
  • Mulliéribus (con Teatro da Lúa)
  • Sigrid era só unha moneca rota (con Teatro da Lúa)
  • Cabaret Alén (con Teatro da Lúa; tamén como directora)
  • A irmandade do Graal (con Teatro da Lúa; tamén como directora)
  • Celestina (Fantasía para xoguetes) (con Teatro da Lúa; tamén como directora)
  • Entre bastidores (con Teatro da Lúa; tamén como directora)
  • As Troianas (con Teatro da Lúa)
  • Últimamente non durmo nada (con Teatro da Lúa)
  • A longa agonía das centolas (con Teatro da Lúa)
  • Con flores a María (con Teatro da Lúa; tamén como directora)
  • Medea (para a Olimpiada Cultural de Barcelona 92)
  • Martes de Carnaval (co Centro Dramático Nacional)
  • Casa de América (Coa Factoría Teatro)
  • Kvetch: O rosmón (obra de Steven Berkoff, con compañía Teatro do Morcego)
  • Un cranio furado (obra de Martin McDonagh, con Excéntricas Produccións)

Dirección teatral

  • Las bicicletas
  • La orgía
  • Historia del zoo
  • Follas Novas

Cine e televisión

  • Divinas palabras (Cine, 1987)
  • El pianista (1999, como Ramona Baquero)
  • Os outros feirantes (Serie da TVG)
  • Martes de carnaval (1991, TVE)
  • La mujer de tu vida (TVE)
  • El baile de las ánimas (1993, como Dorotea)
  • Pepa y Pepe (1995, TVE)
  • ¿Quién da la vez? ( 1995, Antena3 TV)
  • Don Juan Tenorio (TVE)
  • Dame algo (Cine, 1997 como Madre Superiora)
  • Una extraña mirada (1998, como cantineira)
  • Menudo es mi padre (Antena3 TV)
  • Nada es para siempre (Antena3 TV)
  • Ilegal (2002, Sra. Rosario)
  • Periodistas (Tele 5)
  • Lentura (2004 como Avoa/Amparo)
  • Ernesto en 10 minutos (2005)
  • Maridos e mulleres (2006, TVG, como Gloria)
  • O show dos Tonechos (2005-2008, para a TVG, como Amadora)
  • Os mortos van á presa (2008, como Maruxa)
  • Escoba!
  • Outro máis (2011)
  • Lobos de Arga (Cine, 2011)

Premios e mencións

  • Premio AGAPI á Mellor Interpretación Feminina por El baile de las ánimas.
  • Premio da Crítica de Galicia no apartado de Iniciativas Culturais.
  • Finalista como mellor autor teatral en galego dos Premios MAX das Artes escénicas pola obra As mulleres do provir (2004).
  • Premio de Honra Marisa Soto 2006.

 

 (Datos de Galipedia)

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar