Cristina Pato actuará o domingo na Catedral de Mondoñedo

cristina-pato-e-orquestra-orquesta-filarmonicaA artista galega máis internacional regresa aos escenarios galegos este domingo, 16 de outubro, para unha actuación moi especial en Mondoñedo, con motivo da conmemoración do 860 aniversario das máis antigas festas do país, as de San Lucas. Unha actuación que compartirá con outra gaiteira ilustre, Susana Seivane, e que terá como teloneiros aos galego-cataláns O Val das Mouras. O concerto terá lugar ás sete da tarde nun espazo inédito: o interior da Catedral de Mondoñedo.

Mentres, en Estados Unidos -onde reside- a gaiteira e pianista continúa coa súa colaboración co bailarín e produtor Damian Woetzel, xuntándose co bailarínLil Buck para unha actuación en Santa Barbara (California) o 25 de outubro e no Vail DAce Festival ReMix en Nova York do 3 ao 6 de novembro. Aquí poden ver un espectacular vídeo.

Cristina tamén ten programadas varias actuacións co seu Cuarteto, incluíndo Wolftrap (Virginia) o 11 de novembro, e o Staller Center en Nova York o 12. Eis un vídeo cunha actuación do Cristina Pato Quartet en directo, interpretando «Fandango: Prueba de Fuego” do seu álbum ‘Latina’.

A mediados de novembro Pato emprende a súa viaxe a Asia xunto co Silk Road Ensemble do aclamado cellista Yo-Yo Ma, que a levará por varias cidades chinesas e coreanas: Qingdao, Beijing, Seúl e Taipei (Taiwan), do 14 ao 20 de novembro.

O Silk Road Ensemble volve á estrada logo dunha exitosa xira polos Estados Unidos o pasado agosto, na que percorreron en 18 días 10 cidades e 8 estados, con grande éxito de público e crítica. Velaquí un extracto dunha delas: «Abriu coa incríble “Fanfare for Gaita and Suona”, coa multitalentosa Cristina Pato, resplandecente nun vestido de noite sen tirantes, á gaita galega, chamando e sendo respondida por Wu Tong na suona, un corno chinés de dobre lengüeta. Compre mencionar aquí que Pato tamén tocou o piano enérxicamente durante a velada, e nunha canción fixo vibrar con estusiasmo a frauta”.

Outros proxectos

Alén da súa actividade musical, Cristina continúa a presentar polo mundo adiante a estrea do filme de Morgan Neville The Music of Strangers: Yo-Yo Ma & The Silk Road Ensemble, do que é coprotagonista. Desta vez asistindo ao Gilde FIlmpreis 2016 en Leipzig, onde recolleu o Premio ao Mellor Documental en nomedo Silkroad. Tamén se lle fixo entrega do Premio do Público do  Musikfilmtage Oberaudorf para o filme en Bayern.

O filme continúa o seu percorrido polos cinemas de todo o mundo. Ademais de Estados Unidos, onde tamén foi mercado por HBO, está xa nas salas de Alemaña, Italia e Holanda.

Outra das paixóns que Cristina non abandona é o mundo da educación. E neste outono sigue a explorar máis que nunca a relación entre as Artes e as Ciencias, profundizando no camiño que Cristina abrira coa súa peza “My Lethe Story: The River of Forgetfulness”.

Ademais, Pato ten preparados algúns proxectos moi interesantes para esta temporada, así como residencias na Universidade de Harvard co Silkroad, e na Universidade de California Santa Barbara o vindeiro ano. Continúa ademais coa súa labor como asesora de educación para o Silkroad.

Cristina Pato

Aclamada polo New York Times como “unha virtuosa explosión de enerxía” e por The Wall Street Journal como “un dos mestres vivos da gaita”, a gaiteira galega, pianista e compositora Cristina Pato, ademais de emprendedora cultural, disfruta dunha activa carreira profesional dedicada á música popular galega, a música clásica e o jazz, e a súa carreira dual tena levado aos principais escenarios de toda Europa, EEUU, India, África e China.

Cristina Pato foi a primeira gaiteira muller en publicar un álbum en solitario (1999) e desde entón ten colaborado en escenarios de todo o mundo con Yo-Yo Ma, Arturo O’Farril e a Afro Latin Jazz Orchestra, Chicago Symphony Orchestra, Osvaldo Golijov, New York Philharmonic e Paquito D‘Rivera.

Cristina é membro do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma e un membro fundador do seu Leadership Council, colaborando estreitamente nas xiras e na planificación de residencias, entre elas a asociación multianual entre o Silk Road Project e a Universidade de Harvard.

Máis información: www.cristinapato.com

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar