Pontevedra promociónase como destino turistico para todo o ano

Aproveitar as sinerxias, pór en valor os moitos atractivos da zona, promocionar e desestacionalizar un destino turístico común. Son os obxectivos da colaboración que xa está en marcha entre o Concello de Pontevedra e a Mancomunidade do Salnés. Unha colaboración que ten vocación de continuidade e a que se adhire a Fundación Amigos do Camiño co fin de incluír a ruta xacobea portuguesa coa súa Variante Espiritual.

Gastronomía, patrimonio cultural, natureza, actividades deportivas e náuticas e o Camiño Portugués a Santiago son elementos diferenciados e de calidade que fan do eixo Pontevedra- O Salnés e todas as Rías Baixas un destino único e de calidade.

Visitas recentes de touroperadores rusos e británicos (están nestes días), unha próxima delegación vencellada ao Camiño Portugués a Compostela (en outubro) ou dunha delegación turístico-comercial de Hong Kong (en novembro) van nesta dirección, segundo explicou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

O presidente da Mancomunidade do Salnés e alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, marcou como obxectivo a acadar a desestacionalización do turismo, un dos eixos económico e aboral da zona e subliñou a grande aportación á promoción da contorna que fai a ruta portuguesa a Santiago.

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, puxo a énfase na necesidade de traballar e sumar para construír un destino turístico “amplo e de calidade”. “Poñemos as bases para unha relación necesaria” que leve á xente que nos visita a “quedar con ganas de volver” a “irse coa idea de que este é un sitio distinto: temos sol, patrimonio cultural, etnográfico, natural, boa gastronomía…”

Apostas como a organización de eventos deportivos promoven a actividade económica e a desestacionalización do sector hoteleiro e hostaleiro, mantén Fernández Lores, quen engade que citas internacionais como, por exemplo, o futuro Campionato do Mundo de Triatlón amosan que todos somos necesarios pois a súa demanda supera con moito a oferta que pode facerse en Pontevedra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar