«Verbenalia», en TVG, coas orquestras Poceiro, París de Noia e Trébol

Verbenalia”, o programa da Televisión de Galicia que emula unha típica festa galega, subirá este venres ao escenario tres das orquestras máis emblemáticas do panorama musical da comunidade: Poceiro, de Pontevedra; Trébol, de Ferrol, e París de Noia, que actuarán no espazo da canle pública.

No musical conducido polo xornalista ourensán Rodrigo Vázquez participarán tamén os grupos de música tradicional Os Carunchos e a Requinta da Laranxeira. Ademais, tres das mellores voces das orquestras galegas, Mónica Ordás, Eva Iglesias e Irene Iglesias, lembrarán na recta final do programa algunhas das “coplas” máis populares das festas parroquiais.

Como cantante estrela, actuará nesta edición de “Verbenalia” Miguel Torres “Miguelito”, un veterano da verbena galega, que estará acompañado pola orquestra Poceiro. Tras máis de seis décadas sobre os escenarios, amosará que mantén intacta a capacidade de emocionar o público.

“Verbenalia” contará tamén este venres cos seus colaboradores habituais: o dúo cómico Os Tristes, a cantante e actriz Eva Iglesias, o “luareiro” Manuel de Andrade e a reporteira Patricia Santana. Pola súa parte, o actor Carlos Mosquera amosará as súas dotes de cantante facendo un cameo coa orquestra da súa cidade, a Trébol de Ferrol.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar