Chega a Compostela o Tren do Peregrino, unha iniciativa de Turismo de Galicia

 

Tren do peregrino_Nava CastroXa está en Galicia o Tren do Peregrino, unha das iniciativas do programa ‘Galicia a todo tren’ que Turismo de Galicia promove en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

O Tren do Peregrino, que saíu de Madrid o pasado xoves 28 de xullo, chegou hoxe ao seu destino Santiago de Compostela onde foi recibido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

A responsable de Turismo da Xunta destacou que trátase dunha atractiva oferta ao ofrecer a posibilidade de percorrer o Camiño de Santiago, combinando natureza, cultura e gastronomía.

Nava Castro explicou que este tren percorre por segundo ano un traxecto do Camiño de Santiago que abrangue tres etapas que os viaxeiros poden facer a pé ou na súa bicicleta, coa que poden viaxar a bordo.

Así mesmo, segundo sinalou, ofrece o servizo de traslado de xeito que en cada estación na que se detén ata o lugar onde se inicia a etapa da Ruta Xacobea os viaxeiros son trasladados nun autobús que os acompaña no seu traxecto para os desprazamentos que sexan necesarios.

Esta nova opción de vivir a experiencia única que supón o Camiño de Santiago, inclúe o aloxamento nunha cabina de Gran Clase con baño completo, os almorzos e dúas ceas que se servirán a bordo do tren -a primeira e a última noite da viaxe-. Así mesmo, inclúe tamén unha selección de excursións, actividades e visitas culturais que completan a viaxe.

Así, o concepto do Tren do Peregrino responde ao dun hotel en movemento que dispón de cuartos con baño completo para pasar a noite, un coche cafetaría, dous coches restaurante e outro coche máis acondicionado para o ocio ou os faladoiros.

Neste senso, Nava Castro resaltou a comodidade que supón contar co transporte e o aloxamento nun só produto moderno e confortable.

Este Tren do Peregrino realizará tres saídas máis de cinco días -catro noites- ao longo do mes de agosto a Galicia, en concreto os días 4, 11 e 18.

Galicia a todo tren

Ademais do Tren do Peregrino, o programa Galicia a todo tren pon en funcionamento de novo esta fin de semana o Tren da Ruta dos Faros, o Tren da Ruta dos Pazos e Xardín Históricos e o tren da Ruta do Viño de Valdeorras Ribeira Sacra -o sábado- e o tren da Ruta do Viño de Monterrei –o domingo-.

Estas rutas turísticas ofrecen, ademais da viaxe en tren, desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, así como actividades complementarias como rutas en catamarán e acceso e visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos.

Un ano máis, o programa está a rexistrar unha gran acollida acadando elevadas porcentaxes de ocupación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar