Panteón Real e reliquias da catedral compostelá

Ao Reino Galaico-Leonés, herdeiro da Gallaecia romana e sueva, sobroulle vocación imperial a traveso de vodas e batallas. Cimentado sobre reliquias, invencións de bendicións celestes, de aparicións baixo o padroado do apóstolo Santiago e da Pilarica.

Para complementar a Historia da Galiza deberamos visitar e enxergar dúas cidades, os seus recintos sacros, pazos, panteóns reais e museos, entrar nas estéticas e polo tanto nas súas éticas. Referímonos a Compostela e a León, parar nas basílicas dos seus conxuntos palatinos, no dedicado e gardador das reliquias de Santiago na cidade galega e en León coa do máis sabio dos sabios de entón, San Isidoro de Sevilla, onde xustificar cruzadas.

Compostela significaba o fin e principio de dous camiños: un terreal e outro espiritual que renace arredor dun sartego santo. Camiño mesmo sinalado no ceo polas nebulosas das galaxias. Compostela é encrucillada de enigmas que enriquecen a Galiza sempre “máxica”, por descoñecida. Cidade feita pra venerar as reliquias e as imaxes dun Apóstolo das que se abusa, sobándoas, dándolle croques, apertas, fregando o pano… facéndoas aparecer e desaparecer: bautizando á Raíña indíxena Lupa, recibindo ordes da Virxe empoleirada sobre un piar nas ribeiras do Ebro, converténdoo en Santo adaíl, cabaleiro campeador contra os sarracenos en terras rioxanas de Clavijo… León significou a vangarda en camiños inacabados na xeopolítica.

A catedral compostelá é parte dun conxunto feito e refeito nas abas dun castro, dende se conta que polo 813 apareceron as santas reliquias, foi sobre restos romanos e aras dedicadas a Xúpiter. Basílica co seu pazo, mosteiros e altares dedicados aos máis santos dos santos e mesmo co seu Panteón Real, dende onde se fai diverxer vieiros, ampliar as fronteiras dun imperio aberto nun Primeiro Reich, o do emperador Carlomagno.

Segundo consta nos epígrafes de dous capiteis que están ás bandas da capela central da xirola da catedral compostelá sinálase que foi no 1075 cando se erixe este novo templo referente. Tempos do reinado de Afonso VI, pai de doña Tereixa e de dona Urraca, esposadas co máis distinguidos da época, os condes borgoñóns. De dona Teresa e Raimundo naceu Afonso Henríquez que sería o independentista portugués. Como do matrimonio de dona Urraca con Henrique nacería quen sería Afonso VII o Emperador. Tempos do intrigante bispo Diego Pelaez, quen contubernia pra entregarlle estes confíns a Guillermo o normando, vencedor en Hastings, rei de Inglaterra, tal como amosa o tapiz de Bayeux. Para semellantes xenealoxías, intereses expansionistas e pra refacer os mapas, convén axudarse da obra do historiador López Carrera.

A visita á catedral compostelá é obrigada, fainos furar pola espiral da Historia: as escavacións arqueolóxicas, os museos, o tesouro, as dependencias do cabido, o claustro, o triforio, a cripta, as cubertas… a edícula apostólica, o Pórtico da Gloria… a Capela das Reliquias co Panteón Real.

Compostela como capital espiritual partillou Historia coa estratéxica cidade de León, sucesora da Astúrica, Astorga, na ansia lexionaria expansionista. Ambas as dúas non soamente compartiron e repartiron reliquias dos santos da Corte Celestial, senón tamén Panteón Real.

Inicialmente O Panteón Real da catedral compostelá tiña sitio nunha capela do cruceiro sur, inmediata á porta de Acibecheiría e dedicada a Santa Catarina, até que no 1535 por desexo do emprendedor arcebispo Alonso III de Fonseca pasa a unha capela situada entre a nave da banda sur da catedral e o claustro, obra do 1527 da autoría do arquitecto plateresco Xoán de Álava. Espazos cubertos por unha sorprendente bóveda estrelada e calada, paredes que nos laterais abren os ocos pra acoller os sartegos que labrados representan os reais catafalcos. Conxunto presidido por un altar que amosa a rica colección de reliquias que ponderan o templo. Conxunto que no 1906 sufriu o roubo da emblemática Cruz relicario de Alfonso III e no 2 de maio 1921 un devastador incendio que devora o retablo do ano 1630 da autoría dos escultores Bernardo Cabrera e Gregorio Español. De inmediato e co auxilio da emigración galega en Cuba, encárgase outro retablo, neste caso deseñado en estilo neogótico por Rafael de la Torre e labrado en cedro polo compostelán Maximino Magariños. Retablo deseñado para os relicarios, cada cal no seu nicho, estoxos que son obra de ourive, quizais máis interesantes pola súa feitura que polo seu suposto contido. A inicios do século XX contabilízanse en máis de 150 as reliquias, coa sobranceira e venerada Cabeza de Santiago o Menor ou Alfeo, obra de 1332 de Rodrigo de Eans, que na súa esclavina con pedras semipreciosas engastadas reaproveita un antigo camafeo. Reliquias que son ósos, farrapos ou piteliñas… regalo de raíñas como os de Santa Sabela de Portugal, de prelados, de peregrinos… e mesmo dalgún “pío latrocinio”, como o practicado por Xelmírez na bracarense.

Neste contexto da Capela das Reliquias e Panteón Real da catedral compostelá están os sartegos do conde Raimundo Borgoña, irmán do papa Calixto II e marido de dona Urraca , pai de Afonso VII o Emperador, o que con San Bernardo introduce o Císter e con il canto significa a humanización do territorio, finado no 1107. A labra do defunto represéntao envolto en túnica, apoiado na banda dereita do seu corpo e sobre a súa man, durmindo na pedra o apracible sono da morte. Non se dubida que é obra do taller do mestre Mateo. O sartego da emperatriz dona Berenguela de Barcelona, esposa de Afonso VII o Emperador, finada no 1149 e que ao remate da súa vida quixo ter alí sepultura. Labra que esquematicamente transmite a delicadeza, serenidade e beleza desta Berenguela raíña ataviada ao estilo provenzal. Tamén alí o sartego do rei Fernando II, primoxénito do matrimonio de Afonso VII e de dona Berenguela, morto no 1188 en Benavente. Monarca que contrata e protexe ao Mestre Mateo e a quen se lle debe a escultura do seu sartego: testa de cabelos acrocados e sobre eles a coroa, tamén apoiado sobre a súa man dereita. Preto deste está o sartego do rei Alfonso VIII de Galiza- León, e IX de Castela, fillo do rei Fernando II. Monarca que promove cidades e cortes democráticas que son o testemuño máis antigo do parlamentarismo europeo. Rei ao que sorprende a morte de camiño, en Sarria e no 1230. Súa sepultura segue as trazas do seus antecesores. Tamén aquí o sepulcro da raíña Xoana de Castro, esposa que foi de Pedro o Cruel, repudiada polo seu marido ao día seguinte da súa voda, finada no 1374, irmán da tan desafortunada como ela Inés de Castro, raíña posmortem, esposa de don Pedro de Portugal… A caixa de pedra remarca no frontal os brasóns de Castela e de León, alternando cos dos Castro e no medio Cristo Xuíz e no borde o epitafio. Entre elas a tumba de don Pedro Froilaz, conde de Traba, orixe de tantos contubernios, aio do príncipe que sería Afonso VII, benfeitor de Compostela, quen en inicio fora enterrado á entrada da Capela de Santa Cruz na mesma catedral, logo trasladado aquí…. sartego feito de novo no 1926 e con carácter historicista e expresionista polo escultor Maximino Magariños. Xacentes labrados en pedra que locen as súas mellores galas, hoxe exentos da policromía orixinaria.

Entre mortos, reliquias de santos, ignorancia e negacións embretémase a Historia de Galiza. Os restos de Afonso VII, nacido en Caldas de Reis, acougan na catedral de Toledo, camiños dun imperio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar