Homenaxe ao emigrante que fabricou o primeiro automóbil na Arxentina

Rueda_homenaxe a emigrante Vila de Cruces que construiu o primeiro coche na Arxentina

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, e outras autoridades autonómicas e locais, participaron no descubrimento da réplica, en ferro, do primeiro automóbil fabricado integramente na República Arxentina, realización do emigrante Manuel Iglesias, emigrante galego que nacera na citada localidade pontevedresa.

Estiveron asemade presentes representantes da diáspora de Vila de Cruces, e de Galicia en xeral, no país austral. Así, nos actos oficiais participaron tamén o presidente da Asociación Unión de Residentes do Concello de Carbia -hoxe Vila de Cruces- na Arxentina, Germán Sesto, e o directivo desta entidade Adonis Pampín, ademais do propio creador da réplica inaugurada, Walter Melo.

Na súa alocución, Rueda e Miranda salientaron a importancia da pegada histórica que galegas e galegos teñen deixado nos países onde se asentaron, expoñente do cal é o invento de Manuel Iglesias, que marcou unha páxina de ouro na Historia arxentina. Para o secretario xeral da Emigración, “é tamén un representante senlleiro do espírito que impregna a Historia, igualmente con maiúscula, da nosa diáspora. Nesta xusta, oportuna e acaída homenaxe do seu Concello quero ver, e vexo, un recoñecemento e agradecemento de todo o pobo galego, a tódolos paisanos e paisanas que co seu sacrificio persoal alén o territorio axudaron a construír a Galicia moderna e próspera que hoxe desfrutamos, pero tamén achegaron o seu importante grao de area no progreso e prosperidade dos países e nacións aos que chegaron, e nos que xa naceron o 70% dos actuais galegos residentes no estranxeiro”.

 

 

UNHA PECULIAR HISTORIA

 

Manuel Iglesias, quen arribara a Arxentina en 1884, aprendeu o oficio de carpinteiro e entrou como empregado do Ferrocarril Central Arxentino, no que permaneceu ata a súa xubilación, en 1924. Co comezo do século XX, en 1903, Iglesias pediu o traslado á cidade de Campana seducido polo desenvolvemento e avance tecnolóxico desta. Comezou así a súa gran aventura: durante catro anos, roubándolle horas ao descanso, concretou o seu soño, un automóbil construído parafuso por parafuso, e engrenaxe por engrenaxe, coas súas mans.

Todas as pezas foron realizadas por Manuel Iglesias. O rodado era artesanal, con puntos de fricción absorbidos por pezas de bronce ad hoc. A carrocería estaba constituída por un asento de madeira con capacidade para dúas persoas, o arranque do motor era por medio dunha manivela, non tiña acelerador, o regulador de revolucións por minuto mantiña un réxime constante de 400 voltas e a velocidade que alcanzaba era duns 12 km/h.

Para poder sacalo da súa casa, tivo que pedirlle axuda ao un veciño, Francisco Castronuovo, que accedeu a derrubar parte dun muro para logralo. O vehículo recibiu o alcume de ‘mataperros’, por propinar máis dun desgusto aos cans que se espantaban polo ruído ao seu paso.

Manuel Igrexas morreu ignorando a transcendencia da súa obra, a pesar de que esta fora requirida polo Museo da cidade de Luján, o que rexeitou por non considerarse digno de tal honra. Foi o seu fillo, Juan Carlos Iglesias, o responsable de conservar o automóbil en excelentes condicións, e o enxeñeiro Arnoldo Lucius o que foi o seu guía na investigación que culminou co seu recoñecemento.

Mais, pasado o tempo, a municipalidade de Campana –que segue a ser un importante polo de desenvolvemento industrial no norte arxentino, e epicentro do clúster automobilístico do país- fixo o xusto recoñecemento a este precursor galego, poñendo o seu nome ao museo local.

 

 

«BERCE DO AUTOMÓBIL NACIONAL»

 

O citado municipio arxentino está considerado oficialmente “berce do automóbil nacional”, e ao seu redor tense desenvolvido unha importante rede de industrias auxiliares do sector, e mesmo teñen radicadas cadansúa fábrica dúas marcas automobilísticas orientais. Asemade, rexistra un importante tráfico portuario, relacionado de maneira moi maioritaria co mesmo sector, e as súas institucións participan activamente na axencia, de participación pública e privada, que se encarga de explorar tódalas posibilidades industriais.

En decembro de 2014, Rodríguez Miranda, en compañía dos directivos da Unión Federación de Sociedades Galegas na Arxentina, cursou unha visita oficial á Municipalidade de Campana, onde foi recibido polas máximas autoridades locais. Miranda agradeceulles a súa inestimable colaboración para o evento da primeira edición do “Bos Aires celebra Galicia”, pois a institución local arxentina cedeu, para súa exhibición, o orixinal primeiro coche construído por Iglesias, o emigrante de Vila de Cruces, vila que está por esta causa oficialmente irmandada coa arxentina.

Os actos de inauguración da réplica incluíron actuacións musiciais, como a interpretación dunha peza musical por parte do Grupo de Música Tradicional A Brincadeira de Carbia, a interpretación do Himno de Vila de Cruces polo tenor Cesáreo Torres, e máis a dos himnos oficiais de Galicia, España e Arxentina por parte da Banda Artística de Merza. A xornada de confraternidade concluíu cunha celebración de confraternidade, xa ao mediodía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar