Axudas a concellos e asocacións ourensáns por 300 mil euros

image A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada no Pazo Provincial aprobou axudas por importe total de 292.087,64 euros destinados a concellos e asociacións da provincia de Ourense para actuacións relativas a temas de infraestruturas, medio ambiente e cultura. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 15 de xullo.

En concreto, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou tres axudas á Diocese de Ourense, destinadas todas elas, ao arranxo da cuberta de Igrexas parroquiais no termo municipal de Muíños. En concreto, para a de San Pedro de Fornadeiros e para de Santa María de Souto de Limia, 6.000 euros cada unha, e para a de Santiago de Couso de Salas, 3.000 euros.

No eido cultural, aprobou unha axuda de 30.000 euros para a Fundación Cultural Privada Otero Pedraio e outra por importe de 6.000 euros para Orfeón Unión Orensana, ambas destinadas a gastos de funcionamento e mantemento das entidades correspondentes ao ano 2016 e ao ano 2015, respectivamente. E, no relativo a temas medioambientais, aprobou unha axuda para Unións Agrarias – UPA, de 1.950 euros, para un curso de manipulador – aplicador de produtos fitosanitarios de nivel básico.

Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou oito axudas para concellos da provincia, sendo dúas delas para o Concello de Baltar destinadas á realización de reparacións de accesos municipais por importe de 100.000 euros e para realizar melloras e novo equipamento para o servizo dos usuarios da piscina municipal por 50.000 euros. O Concello de Bande recibirá 16.357, 64 euros para a renovación da capa de cobertura da Casa Consistorial. Para o Concello da Bola aprobou dúas axudas, unha de 10.000 euros destinadas ás terceiras xornadas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e outra de 15.000 euros para a implantación dunha liña de autobús que prestará servizo tres días á semana coa finalidade de facilitar aos veciños o seu desprazamento ao centro de saúde, ao consistorio ou enlazar coas liñas de transporte que comunican con Celanova.

Para o Concello de Padrenda aprobou unha axuda de 25.000 euros destinados á realización de traballos medioambientais como o acondicionamento e limpeza das marxes e entorno de camiños municipais e prazas públicas nas parroquias de Condado, Desteríz, Lavandeira, Gorgua, Monterredondo, San Pedro e San Roque de Crespos. O Concello de Pontedeva recibirá 10.280 euros para a redacción do proxecto da urbanización O Valiño e, para o Concello de San Cristovo de Cea, unha axuda de 12.500 euros para realizar actuacións en Oseira que permitirán dotar a este núcleo dunha nova captación de auga potable e acondicionar o palco de música existente na Carballeira de Casledo.

Na xuntanza ratificouse o convenio de colaboración que a Deputación de Ourense mantén coa Fundación Feiras e Exposicións de Ourense e que supón unha achega de 25.500 euros para a realización de diversas actividades, entre as que figuran a feira do maior, Galisenior; a celebración do salón Termatalia en México; e a feira de produtos funerarios, Funergal.

Asemade a Xunta de Goberno aprobou a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2016, relativa ás obras municipais do Concello de Ribadavia, concretamente na ponte romana de Francelos.

Pola súa banda, o Concello de Castro Caldelas pasará a formar parte das institucións municipais adheridas ao Convenio de cooperación entre a Deputación e os concellos da provincia para a prestación do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019.

Por último, a deputada provincial lembrou ás vítimas do atentado acontecido esta pasada noite en Niza asegurando que «seguimos na loita conxunta contra este tipo de barbaries», e expresou, en nome da Deputación de Ourense, as súas máximas condolencias a todas as familias dos falecidos neste último atentado terrorista. O goberno provincial concentrouse esta mañá na entrada do Pazo Provincial para gardar un minuto de silencio en recordo de todas as vítimas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar