A hipótese Podemos morre

Non o digo eu, que son un ninguén, un rapaz da aldea, aínda que pasase tamén pola Complutense. Están de acordo Pablo Iglesias e Iñigo Errejón: «A hipótese Podemos quedou enterrada logo das eleccións do 26-X».

Que queren dicir os dous líderes da «nova política» con esa mensaxe tan moderna sempre en terceira persoa? Que non é tan fácil chegar ao Goberno, malia ao listos que son. Que lles fallou a «épica». Que se acabou o «factor sorpresa». Que hai que prepararse para unha «guerra de posicións» abandonando a «guerra de guerrillas» e actuando coma «un exército regular». Que mesmo moitos dos seus apoios «tiveron medo» a que gobernasen…

En resume, que o «asalto ao ceo» ten que agardar.

Coa «hipótese Podemos», tamén morreu de morte morrida o «efecto Podemos». Xa albiscamos que se «acabou o amor». Pero, para moitos, tamén fuxiu a ilusión. E xa sabemos que se hai xente que non votou a Podemos porque tiñan medo a que gañasen, outra moito deixará de votalos cando vexan que non poden gañar. Coa «hipótese Podemos enterrada» por eles mesmos, queda tamén sepultada a «hipótese Beiras».

Cal é a «hipótese Beiras»? Non se lembran? Aquela que di «os galegos por si sós non podemos conseguir o cambio, así que hai que aliarse coas forzas estatais para conseguir un cambio a nivel de Estado e logo virá o cambio galego». Admitidas a defunción das dúas hipóteses, ten virtualidade que se manteñan as alianzas de En Marea-Podemos en Madrid e que os deputados/as nacionalistas non pasen ao Grupo Mixto, sobre todo logo de ler as súas críticas públicas a Podemos?

Así as cousas, até que punto é positivo que o sector nacionalista aposte por unha candidatura con Podemos e EU para as próximas eleccións galegas se non é en clave de País?

Para derrotar ao Partido Popular. É esa confluencia clave para o éxito? Se non funcionou no Estado, por que vai facelo en Galiza?

Se analizamos as últimas eleccións xerais, ollamos que non. O PP volveu recuperar a maioría absoluta, o PSOE situouse como segunda forza e En Marea-Podemos perdeu boa parte dos votos nunhas cidades cuns alcaldes que se presentan como os referentes electorais dunha idea forza tan simple como perigosa: «Asaltar a Xunta». Perigosa pois, como lle pasou ao BNG no seu día, comandado por Beiras, hai moitos cidadáns que votan garuleiros contra Partido Popular ou PSOE, pero que se absteñen por medo a situar a estes candidatos no goberno.

A situación será máis grave se temos en conta a indefinición tanto ideolóxica como programática e, mesmo, organizativa: existen tantas En Mareas como mareantes. Así as cousas, merécelles a pena aos nacionalistas cargarse o principio de autoorganización?.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar