14 mil persoas participan nas oposicións á Xunta en Silleda

Oposicións Xunta Silleda

Un operativo formado por 300 persoas controla durante esta fin de semana e o próximo venres 15 de xullo os exames de acceso á Xunta de Galicia, que se celebran no recinto feiral da Semana Verde, na localidade pontevedresa de Silleda. Para o primeiro exame dos catro procesos selectivos, que se iniciaron onte venres, están convocadas preto de 14.000 persoas.

A xornada de onte, día de inicio das probas, transcorreu sen incidencias e o exame desta mañá, ao que están admitidos máis de 4.000 opositores, tamén se está a desenvolver con total normalidade, segundo destacou esta mañá en Silleda o director xeral da Función Pública, José María Barreiro.

Dentro do dispositivo de preto de 300 persoas sinalado figuran máis dun cento de traballadores de funcionarios da Administración galega que se encargan do control de acceso ao pavillón no que se realiza o exame. En cada porta ubícanse sete persoas, o que permite garantir a seguridade no acceso e a súa fluidez, co obxectivo de que todos os opositores realicen o exame de xeito simultáneo.

O recinto feiral de Silleda dispón tamén estes días dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas. Ademais, catro mulleres embarazadas que participan nas probas realizarán o seu correspondente exame nun centro hospitalario, coas mesmas garantías de seguridade que o resto de persoas que participan nestas oposicións.

Esta nova convocatoria de procesos selectivos aos corpos xerais da Administración conta cun total de 13.862 persoas admitidas, das que máis da metade (7.639) opositan ao corpo auxiliar subgrupo C2. A data do exame é, neste caso, o próximo venres 15 de xullo pola tarde. As 89 prazas que se ofertan son de acceso libre, é dicir, abertas á participación de calquera cidadán que queira traballar na Xunta de Galicia e que reúna os requisitos esixidos.

Para o exame que tivo lugar onte venres pola tarde, para o corpo superior subgrupo A1 foron admitidos 861 aspirantes. Hoxe sábado, pola mañá, desenvólvese o primeiro exame para o corpo administrativo subgrupo C1, con 4.182 persoas admitidas. Pola tarde, tocaralle a quenda aos aspirantes ao corpo de xestión subgrupo A2, neste caso con 1.180 admitidos. Todos os exames celébranse no recinto feiral de Silleda.

Nos últimos meses a Administración galega está a desenvolver distintos procesos selectivos para a cobertura de prazas de emprego público. Así, entre os meses de maio e xuño tiveron lugar os exames no eido sanitario e educativo, e agora celébranse os exames para persoal administrativo e das consellerías.

Ademais, na Oferta de Emprego Público (OEP) de 2016 a Xunta de Galicia oferta un total de 2.644 prazas, máis do dobre que as incluídas na do pasado ano. A oferta de emprego público para 2016 conta con 1.112 prazas correspondentes a persoal docente, 818 prazas para persoal sanitario e 714 para persoal da Administración xeral. Ademais, é a maior oferta de emprego público en Galicia dende 2009.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar