¿Onde está o cambio?

Hai medio ano, a maioría dos partidos políticos teimaron non só en vendernos o “cambio de réxime”, senón tamén en convencernos que estaba aí, á volta dunhas novas eleccións. Vendéronos o cambio pero non quixeron mudar nada, enleados no que ía ser e non foi. Moitos cidadáns sentíronse defraudados e quedaron na casa. Outros, aguilloados, decidiron que era mellor non mudar nada pois non se fiaban. Uns e outros preguntáronse que era o cambio se cando puideron mudar algunhas políticas que lles afectan directamente decidiron non mudar nada. O cambio pasara a ser sorpasso si, sorpasso, non.

Agora, o sorpasso pasou a ser sorpresa. Os resultados descualifican a estratexia escollida por unha parte do nacionalismo galego que apostou pola supeditación ás forzas estatais. A idea expresada por X. M. Beiras que para mudar algo na Galiza hai que comezar a mudar o goberno de Madrid, foi completamente lapidada pola realidade.
Si, conseguiron levar ao Bloque á mínima expresión electoral. Era iso o que procuraban uns por xenreira, outros por egoísmo, algúns para procurar acomodo e outros trabucándose nas análises? Gañaron!
Nas anteriores eleccións En Marea-Podemos superara ao PSOE. Agora non só Leiceaga ocupou a segunda praza, senón que o PP se recupera nas cidades.

Escribía aquí mesmo hai unha semana que estas eleccións serían o principio da ruptura de En Marea-Podemos tal e como a coñecemos hoxe. “Equivocáronse os que pensaban que o nacionalismo de En Marea non era un valor”, analiza a eurodeputada Lidia Senra, aínda que defende que a alianza coas forzas estatais é a liña correcta. “Agora que veñen as autonómicas, se non se recoñece a Galiza como nación, En Marea sufrirá un esboroamento estrondoso”, afirma Cid Cabido, referente de Anova en Vigo.

Pero desde Podemos e EU seguen a pensar que o seu centralismo non lles pasou factura, e poñen como exemplo os resultados de Cataluña e Euskadi onde quedaron como primeira forza.

“Galicia, sitio distinto e democracia real, xa”, reclaman desde Anova. Semella que xa piaron tarde e non serve o rechouchío de que Beiras foi enganado por Iglesias.

E o BNG? Erraría se o fiase todo ao efecto diferenciador das autonómicas. Consumado o acoso, derrubo e o descrédito electoral, non pode adiar dar pasos concretos cara á refundación aprobada. O Día da Patria sería unha boa data para que a sociedade visualizara o comezo dunha nova etapa.

Estas eleccións demostraron que desde a dicotomía esquerda/dereita é imposíbel desbancar ao PP. Semella, polo tanto, que a súa aposta debería de ser un proxecto transversal, levando á teoría política a práctica cotiá da defensa das clases populares.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar