Os catro viños de Ourense intégranse nas festas da capital

Cartel Festas de Ourense 2016

Música e viño farán unha maridaxe perfecta nas Festas do Corpus 2016 este venres, con motivo da segunda edición do Enofestival de Ourense, no Bulevar Termal das Burgas. As catro denominacións de orixe da provincia compartirán espazo coa música dos grupos Best Boy (Tui), Best Life (Ourense) e The Phantom keys (Ourense-O Grove), nunha xornada que rematará co concerto da boyband máis importante de España, Auryn, no Xardín do Posío.

As actividades programadas polo Concello de Ourense con motivo das Festas viven un forte impulso cando encaran a súa segunda fin de semana. A esplanada do Xardín do Posío acolle este venres a actuación da Auryn, a boyband máis importante da historia da música española que arrastra lexións de seguidores en todos os seus concertos.

A súa cita cos ourensáns será a partires das 23,00 horas, ainda que as portas de entrada ao recinto estarán abertas dende as 21,00 horas.

O prezo da entrada anticipada é de cinco euros, e pódese conquerir a través da web ww.ataquilla.com, ou na Sala de Exposicións de AFundación en Ourense (nos soportais de Praza Maior) entre 9,00 e 14,00 horas e de 17,30 a 20,30 horas. O prezo das entradas na billeteira será de 7 euros, e poderán mercarse dende dúas horas antes do concerto.

O grupo presentará os temas do seu cuarto disco “Ghost Twon”, publicado a finais do 2015 e que conta con colaboracións tan destacadas coma a da artista estadounidense Anastacia.

Aqueles que prefiran ritmos máis duros e afilados teñen unha cita as dez da noite na Praza Maior co concerto de Gonzalo Arca e Delafé.

O cantautor vigués será o encargado de abrir fogo as 22,00 horas coa presentación de “Alone at the crossroad” (2014), traballo que foi unha das revelacións musicais de 2015. A música de Gonzalo Arca bebe da tradición da música americana e mostra destellos de rock, soul, e country.

Por este motivo, os seus temas casan perfectamente con versións de artistas como Bob Dylan, Chris Robinson, The Beatles ou The Rolling Stones, que tamén versiona nas súas actuacións en directo.

A continuación será o turno para a música de Óscar Aniello, que dará a coñecer o seu novo proxecto musical en solitario como Delafé, tras o seu paso por “Delafé y Las Flores Azules”.

O músico desgranará os temas do seu disco “La fuerza irresistible”, feito en colaboración con Dani Acedo e mesturado por Tim Latham, un nome mítico que traballou con artistas tan destacados como Black Eyed Peas, Erykah Badu ou D’Andelo.

“La fuerza irresistible” pasea por unha gran variedade de estilos, dende o hip hop ao soul, funk e música disco. Todo co inconfundible parafraseado de Delafé.

Música nas rúas

As prazas do casco vello volven a encherse de música. Ás 20,00 horas a Praza de San Martiño acolle á banda da Factoría da Subsistencia. O grupo está composto por Sabela Dacal (acordeón, piano e coros), Josito Porto (guitarra e voz), Mon Orencio (guitarra, baixo e trompeta) e José Lameiras (batería, harmónica e theremín). O seu disco “Cerca da túa orella” está cheo de referencias a cantautores como Javier Krahe ou Nacho Vegas, te grupos como The Cure ou SurfinBichos.

A Praza do Ferro acollerá, as 21,00 horas, unha cita coa banda Coldday, unha agrupación barcelonesa especializada en versionar á banda británica Coldplay.

Teatro

O teatro de rúa correrá a cargo da actuación da compañía británica “The Chipolatas”, que presentará a súa obra “Gentlemen of the road” as 12,00 e as 20,00 horas na Alameda do Bispo Cesáreo. Os tres actores da compañía ofrecerán un repertorio musical e números cheos de xogos malabares ainda que, as veces, todo remate no chan para delicia dos máis pequenos.

As 20,30 horas o Auditorio de Ourense acollerá a representación da obra “Demediado”, unha particular visión da fábula “O Vizconde demediado”, de Italo Calvino, a cargo da Aula de Teatro Universitario de Ourense. A obra reflexiona en clave de humor sobre o ben e o mal, a opresión do poder e a solidariedade entre os cidadáns.

II Enofestival de Ourense

A principal novidade da xornada será a apertura da segunda edición do Enofestival de Ourense, nas instalacións do Bulevar Termal das Burgas. Trátase dunha actividade froito da colaboración entre a Concellería de Cultura, as adegas participantes, patrocinadores privados e os organizadores do evento.

Ás 20,00 horas abriránse as portas do recinto no que se poderán degustar viños das adegas Cunqueiro, Alberte e Casal de Armán (Denominación de Orixe Ribeiro); A Coroa (Valdeorras); Gargalo (Monterrei) e Alodio (Ribeira Sacra). Na zona gastronómica haberá tapas elaboradas con productos galegos.

As actuacións comezarán as 20,30 horas co concerto da banda tudense “Best Boy”. Ás 21,40 será o turno dos ourensáns “Best Life” e o peche das actuacións será a cargo de “The Phantom Keys”, agrupación composta por xente de Ourense e O Grove, ás 22,50.

As entradas teñen un custo de 5 euros si son anticipadas e de sete euros na taquilla. A venda online corre a cargo do portal ticketea.com. A entrada da dereito a unha copa para a cata de viños e a un viño de cortesía. O recinto pechará ás 00,30 horas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar