En marcha os campamentos infantís da Coruña

A Coruña_Centro Cívico de MonelosA Concellería de Xustiza Social e Coidados oferta dentro destas actividades máis de 2.750 prazas e reserva o 20% para menores beneficiarios ou beneficiarias dos servizos sociais. Inclúense tamén prazas para nenos e nenas con Necesidades Educativas Especiais

O Concello abríu os prazos de preinscrición para os campamentos de verán municipais, que inclúen os campamentos urbanos, os campamentos de día e os campamentos tradicionais, e que se celebrarán entre o 11 de xullo e o 4 de setembro. En total, a oferta componse de máis de 2.750 prazas, das que a Concellería de Xustiza Social e Coidados reserva un 20% en cada unha das tres modalidades para destinala a menores beneficiarios dos servizos sociais e, do mesmo xeito, cada quenda inclúe prazas para menores con Necesidades Educativas Especiais. Ademais, a oferta municipal de actividades infantís de verán nos centros cívicos complétase, a partir deste luns, co programa sociocultural Embárriate, que se desenvolverá en 18 centros cívicos da cidade ata o 8 de xullo e que está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, cunha proposta que xira arredor dos barrios, cunha perspectiva lúdica e artística.

En canto aos campamentos, ata o mércores 29 de xuño será posible realizar a preinscrición nos campamentos urbanos dos centros cívicos, dirixidos a nenos e nenas nadas entre o 1 de xaneiro de 2004 e o 31 de decembro de 2012. As persoas interesadas deberán acudir no prazo fixado ao centro cívico ao que se desexe optar, en horario de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas. Esta tipoloxía de campamento desenvolvese dende do 11 de xullo, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e coa posibilidade dun horario ampliado nalgún dos centros cívicos, para facilitar a conciliación familiar, entre as 09.00 e as 14.30 horas. A oferta inclúe 2.100 prazas, ás que se suman un mínimo de 40 que están dirixidas a menores con Necesidades Educativas Especiais (NEE). O prezo da praza nestes campamentos é de 26 euros para o horario xeral de de 32 euros para  o horario expandido.

A actividade divídense en catro quendas: a primeira, entre o 11 e o 24 de xullo, xirará arredor das artes plásticas; a segunda, do 26 de xullo ao 7 de agosto, versará sobre teatro e actividades escénicas; a terceira, do 8 ao 21 de agosto, terá que ver coa música, o baile e a expresión corporal, e, por último, a cuarta quenda, entre o 22 de agosto e o 4 de setembro, abordará os xogos e xoguetes tradicionais. Os centros cívicos que ofertan as catro quendas son o de Artesanos, o de Mesoiro, o do Castrillón, Monelos, Cidade Vella, Monte Alto, o centro cívico de Eirís, Novaboandanza, Elviña, Palavea, Labañou, San Diego, o dos Mallos e o dos Rosales. Pola súa banda, os centros de Feáns, A Silva, Pescadores, Santa Lucía, Sagrada Familia, Santa Margarita e San Pedro de Visma ofrecen a primeira e segunda quendas, unicamente.

O sorteo de prazas terá lugar o día 29 deste mes ás 20.15 horas, e a lista de persoas admitidas e de reserva darase a coñecer o 5 de xullo, e estará dispoñible tanto nos centros cívicos como na páxina web municipal www.servizossociais.es e a través do servizo telefónico 010. A inscrición realizarase entre o 5 e o 7 de xullo no centro cívico onde se teña obtido a praza os días 5, 6 e 7 de xullo, en horario de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas. Para formalizala será necesario realizar o aboamento e entregar unha fotocopia da tarxeta sanitaria da ou do menor, así como asinar as correspondentes autorizacións. A partir do 8 de xullo comezará a xestionarse a lista de reserva; aquelas persoas que resulten admitidas recibirán o aviso telefonicamente.

En canto aos campamentos de día, que van dirixidos a público infantil de entre 4 e 12 anos, a preinscrición poderá realizarse entre o 29 de xuño e o 1 de xullo no centro cívico de Monelos, en horario de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas. Neste caso, o Concello ofrece 416 prazas, e 16 máis para menores con Necesidades Educativas Especiais. O horario de celebración vai desde as 10.00 ata as 18.15 horas, de luns a venres, e o prezo da praza é de 85 euros. O lugar de celebración, así como o itinerario dos buses que trasladarán aos e ás participantes, indicarase no momento de formular a preinscrición. O transporte sairá a partir das 09.00 horas (primeira parada) e, de volta, chegará á última parada ás 19.15 horas.

Nesta modalidade, os campamentos distribúense tamén en catro quendas. Na primeira, entre o 11 e o 24 de xullo, os e as rapazas achegarase ao mundo detectivesco, con casos e misterios para resolver; a segunda, entre o 26 de xullo e o 7 de agosto, está pensada como unha aula de natureza; a terceira quenda, do 8 ao 21 de agosto, será unha escola de circo, para desenvolver as facultades artísticas dos e das participantes; por último, a cuarta quenda terá lugar do 22 de agosto ao 4 de setembro e xirará arredor dos Xogos Olímpicos. Como indican desde a Concellería de Xustiza Social e Coidados, en todas as quendas dedicarase polo menos unha hora diaria á práctica da lingua inglesa.

O sorteo público destes campamentos de día terá lugar no centro cívico de Monelos o 1 de xullo ás 20.15 horas e a lista de persoas admitidas poderase consultar, a partir do 5 de xullo, nos centros cívicos, na páxina web municipal www.servizossociais.es e a través do servizo telefónico 010. O prazo de inscrición estará aberto entre os días 5 e 7 de xullo, no mesmo centro cívico, en horario de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas, e nese momento será necesario aboar o custo do campamento e asinarse as autorizacións e cuestionarios necesarios, ademais de achegar unha fotocopia da tarxeta sanitaria do ou da menor e unha foto tamaño carné.

De igual xeito, o prazo para preinscribirse nos campamentos tradicionais, para rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos, abrirase entre o 29 de xuño e o 1 de xullo no centro cívico de Monelos, no mesmo horario, de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas. Para esta modalidade ofértanse 184 prazas, 4 delas para menores con Necesidades Educativas Especiais. O custo por participante será de 85 euros.

Tamén neste caso, os campamentos divídense en catro quendas, dividadas por idades. Os nenos e nenas de entre 8 e 11 anos poderán optar á primeira -entre o 10 e o 16 de xullo- e a terceira -do 31 de xullo ao 6 de agosto-, mentres que a segunda quenda -do 17 ao 23 de xullo- e a cuarta -do 7 ao 13 de agosto- dirixiranse a menores de entre 12 e 14 anos. O lugar de celebración de todas elas indicarase no momento de formalizar a preinscrición.

O sorteo público terá lugar no centro cívico de Monelos o 1 de xullo ás 20.15 horas e a lista de persoas admitidas poderase consultar, a partir do día 5, nos centros cívicos, na páxina web municipal www.servizossociais.es e no servizo telefónico 010. O prazo de inscrición manterase aberto entre os días 5 e 7 de xullo, no mesmo centro cívico, en horario de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas, e nese momento será necesario aboar o custo do campamento e asinar e cubrir as autorizacións e cuestionarios necesarios, ademais de achegar unha fotocopia da tarxeta sanitaria do ou da menor e unha foto tamaño carné. A lista de reserva comezará a xestionarse a partir do 8 de xullo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar