Galicia espectadora?

Rematou a campaña electoral máis televisiva e centralizadora desde 1977.

A nova configuración da política estatal na que instalaron a catro partidos, non é menos atafegante co anterior bipartidismo. As diferenzas entre a nova e vella política, entre a casta e os emerxentes, entre a esquerda e dereita…, desapareceron e o centro do debate e as estratexias electorais estiveron centradas en quen e como ocuparán a presidencia do Goberno.

E Galiza, coma sempre, ausente. Porque Galiza ten pouca poboación e, sobre todo, porque Galiza non ten un nacionalismo hexemónico.

Así que, mentres en Cataluña e Euskadi existe unha pugna do nacionalismo con Podemos pola hexemonía política, aquí houbo unha entrega, cada vez máis incondicional, ao clan da Politécnica, por unha parte do nacionalismo.

Malia a debilidade extrema de Galiza como nación, si que nesta ocasión existiu unha metacampaña, un enfrontamento soterrado, por mor das próximas eleccións autonómicas.

Sobre todo no campo nacionalista. Un BNG, en horas baixas electorais, puxa por que Galiza teña voz propia en Madrid, tamén por situarse ao xeito de cara as autonómicas, pero, sobre todo, nunha posición axeitada para acometer a refundación necesaria.

Unidos Podemos, a pescar no mesmo caladoiro de votos, aposta por ser hexemónico no mesmo campo co apoio dos rene-gados do BNG.

Pero o éxito de Podemos, que, como hai cinco meses, é quen rentabilizará os resultados electorais, non so atenta contra a autoorganización de Galiza, senón que dinamitará, máis cedo ca tarde, ao proxecto de En Marea, que unha parte do nacionalismo axudou a crear. Non hai máis que ver co- mo xa lles estorba Xosé Manuel Beiras, afastado dos carteis e do mitin final de Madrid.

Pero poida que a historia nos ilustre co que pode pasar: cando se crea a ORGA no 1929, unha boa parte dos fundadores das Irmandades da Fala, sobre todo de A Coruña, intégrase nesta organización. No 1931 foi a forza máis votada en Galiza, con 14 deputados. Dous anos despois, só consegue cinco. Logo de sucesivas alianzas intégrase na Izquierda Republicana de Azaña. Neste tempo pasou de defender a República Federal ao autonomismo estético. Os nacionalistas, con Vilar Ponte á cabeza, despois de varias derrotas internas, remataron por abandonar a organización, «por dignidade», e integráronse no Partido Galeguista.

Cando no 1952 Santiago Carrillo lle manda un enviado a O Piloto, conminándoo a que disolva o Exército Guerrilleiro, logo dunha forte discusión política en Escairón, este dille: «nós imos seguir, por dignidade»

En certos momentos históricos é ese sentimento que move a moitos galegos. Pero iso en Madrid non o entenden.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar