Cortes en rúas do centro urbán polas Festas de Ourense

Cartel Festas de Ourense 2016A céntrica rúa do Progreso sufrirá alteracións de tráfico esta fin de semana debido ás actividades das Festas de Ourense. O espectáculo piromusical, as orquestras e a celebración, o domingo, do Correndo X Ourense serán as culpables destes cortes, polo que se aconsella seguir as desviacións propostas pola Policía Local.

O sábado 25, a Policía Local cortará a rúa do Progreso e os seus accesos á altura da Alameda polo espectáculo piromusical [+info]. Desde as 23:00 horas estará pechada esta arteria principal na rúa do Posío, desviándose o tráfico cara ao centro polas rúas Coruña e Pena Trevinca. No outro sentido, o peche será en Alférez provisional, tendo como alternativas a rúa Concordia ou Ervedelo. Tamén estará pechada ao tráfico a rúa Villa Valencia á altura da Ponte da Burga dirección Alameda. A actuación da orquestra prolongará este peche até as o3:00 da madrugada ao domingo.

O domingo 26, debido á celebración da carreira popular Correndo X Ourense [+info], estarán pechadas de 11:00 a 14:00 horas as seguintes rúas: Progreso até Cruz Vermella, os accesos a Bedoya e Concordia e a metade do carril (en sentido ao parque de San Lázaro). As alternativas da Policía Local son: desviarse pola praza de Abastos e Doutor Flémming, ou Ervedelo, no outro sentido.

Xa pola tarde, a actuación da orquestra na Alameda volverá manter a rúa do Progreso pechada de 18:00 a 02:30 horas. As alternativas para este tramo, desviarse pola praza de Abastos e, no outro sentido da circulación, pola rúa Ervedelo cara a avenida de Portugal.

Os fogos artificiais (rúas Pardo de Cela, Basilio Álvarez e Ponte do Milenio) e a Batalla das Flores son outros dos cortes programados para as festas, aínda que ao longo da semana iranse anunciando máis incidencias puntuais. Por este motivo, desde o Concello prégase prever os desprazamentos en coche pola cidade e agradéceselle a comprensión aos usuarios de vehículos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar