A Xunta publica hoxe axudas para a contratación de novos investigadores

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de
contratos-programa cos que a Xunta apoia aos centros tecnolóxicos consolidados e fundacións sanitarias galegas, reforzando o seu equipamento e persoal, e que este ano contarán con máis de 3 millóns de euros en apoios.

O Goberno galego busca con esta nova convocatoria reforzar o traballo dos 6 centros tecnolóxicos galegos consolidados (Aimen, Gradiant, Anfaco-Cecopesca, CTAG, ITG e EnergyLab), aos que se suman os centros de investigación da Plataforma de Innovación Sanitaria do Sergas, os centros galegos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 20 de xullo.

Trátase dunhas liñas orientadas ao financiamento estable dos centros nunha renovada aposta por impulsar a contratación de investigadores. Neste senso, estímase que a iniciativa suporá a contratación de máis de 120 investigadores, que contribuirán a mellorar a transferencia de resultados da investigación á empresa, incrementando así a competitividade do tecido produtivo galego.

Esta fórmula permitiu achegar, entre 2013 e 2015, máis de 11 millóns a estas entidades. Trátase duns apoios non dependentes de proxectos concretos, con especial atención aos recursos humanos. Neste senso, o potencial dos contratos para a xeración de postos de traballo reflíctese nos preto de 220 empregos creados nos últimos tres anos por Aimen, Gradiant, Anfaco-Cecopesca, CTAG, ITG e EnergyLab grazas a este programa.

Esta medida enmárcase no traballo da Xunta por sumar para que a comunidade conte con entidades de investigación e innovación capaces de dinamizar a innovación das empresas galegas, en especial das pemes. Nesta liña, o Goberno galego ten posto en marcha distintos programas de innovación aberta que esixen a participación dos centros tecnolóxicos e nos que tamén participan as fundacións sanitarias, como o Conecta Pemes e as Unidades Mixtas de investigación, que tamén supoñen, de forma paralela, a xeración de oportunidades laborais para investigadores tanto nos propios centros como nas compañías.

Os contratos-programa enmárcanse na Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3, que ten na captación de financiamento, o apoio ao talento galego e a transferencia de resultados da investigación ao mercado tres prioridades fundamentais.

Máis alá dos contratos programa, o apoio da Axencia Galega de Innovación á contratación de investigadores vén de concretarse no programa Principia, recentemente activado para apoiar a contratación de 300 mozos e mozas investigadores por parte de empresas e centros de coñecemento, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como de estimular a demanda no sector público e privado de persoal cualificado. Ademais, a Axencia Galega de Innovación ten posto en marcha outros programas que buscan a retención de talento en Galicia, como o Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación excelente de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar