Que ven Podemos!

Nunha nota ao presidente do Goberno, con data do 28 de setembro de 1976, logo de entrevistarse co conselleiro político da Embaixada dos EEUU en Madrid, Frank McNeil, o ministro Otero Novas afirma que lle quedou claro que os americanos apadriñan ao PSOE e toman as iniciativas á marxe da Internacional Socialista. Cando o exministro chegou a Dirección Xeral de Política Interior xa lle indicaran que existía unha instrución de Carrero Blanco de que «non se moleste a Felipe González».

O 4 de setembro de 1977, noutro informe de Otero Novas a Adolfo Súarez, reflexiona sobre o goberno de concentración que propoñen a banca e outros sectores. Conclúe que tería dous perdedores cara o futuro: Súarez e González. Así que deciden inventarse os Pactos da Moncloa que «nos serviron como algo substitutivo do goberno de concentración», afirma Novas.

Aínda así, no 1982, Mariano Ozores estrea unha película en clave de comedia tituladaQue veñen os socialistas!

Nela recóllense o medo que tentan meterlle aos votantes españois coa chegada ao Goberno do PSOE.

Se queren saber o que dicían daquelas non teñen máis que ler os xornais de hoxe ou escoitar a Mariano Raxoi e aos voceiros do PP. Pero troquen o nome do PSOE por Podemos e o de Felipe González por Pablo Iglesias, que, por certo, aplica a mesma defensa: «Xa estamos gobernando nas cidades».

Acusaban ao PSOE de tentar impoñer «un sistema tropical», pero, daquelas, o exemplo para meter medo era Cuba, agora Venezuela. O ABC, por exemplo, nun seu editorial, tamén falaba da «sovietización e o terceiromundismo», como a aposta política dos socialista.

E Fraga Iribarne preguntábase como ían gobernar os socialistas, se nunca o fixeran, acusándoos de «frivolidade, incompetencia e populismo». Adolfo Súarez a González de «inmaturo político».

O marxismo estaba presente en todos os ataques e até, en Galiza, zunaban con que lles ían sacar as vacas ao que tivese máis de dúas.

E iso que, na práctica, levaban gobernando xuntos desde os pactos da Moncloa e que todos coñecían que o PSOE era a aposta americana, pois sabían que el podía levar a cabo o que non era quen de facer Adolfo Súarez: meternos na OTAN, a creación dos GAL, a contención salarial, a «adecuación da nosa economía» coas reconversións (naval, pesqueira e agrícola) para integrarnos na UE… Cumpriu!

Por iso sei que, agora, nin Raxoi, nin Felipe González, nin a banca, nin os medios de comunicación, se creen todas as mentiras que din de Podemos, e teñen claro que, como dixo Pablo Iglesias, «somos os únicos que podemos derrotar ao independentismo».

Pero, qué sería desta democracia sen o teatro da política…

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar