200 cabalos no evento ecuestre Equina 2016, en Silleda

Equina 2016_Silleda_1

O evento ecuestre Equina 2016, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Federación Hípica Galega e a Fundación Semana Verde de Galicia, continúa a celebrarse na Feira Internacional de Galicia ABANCA con máis seccións do II Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia e co I Concurso de Enganches Open-Indoor de Galicia.

En canto ao II Campionato de Pura Raza Española, un concurso morfofuncional que é a proba estrela deste evento, onte  competiron as eguas de catro a máis de sete anos e os cabalos castrados, mentres que pola tarde estanse a desenvolver as probas de funcionalidade de todas as seccións de machos adultos. Xa mañá farano as cobras de tres eguas (tres eguas enlazadas) e tamén se disputarán os premios especiais.

Neste concurso, clasificatorio para a final do campionato do mundo, participan ao longo dos tres días 160 exemplares de numerosos puntos de Galicia e do resto de España.

Por outra banda, en Equina 2016 esta tarde estase a celebrar o I Concurso de Enganches Open-Indoor de Galicia, a cal é a primeira proba desta modalidade que se celebra na comunidade. Compiten 12 equipos das catro provincias galegas nas categorías de Limonera, cun cabalo, e Tronco, con dous cabalos. Os participantes, que deben facer o percorrido no menor tempo posible sen tocar os obstáculos dispostos na pista, disputan dúas mangas.

Equina 2016_Silleda_2

 

Así mesmo, o programa de Equina 2016 inclúe esta tarde un Poni Club, organizado coa colaboración da Concellería de Deportes de Silleda, no cal están a participar nenos dos centros escolares do municipio.

 

 

COPA DE DOMA CLÁSICA

 

 

A estes dous concursos sumarase o domingo a XVIII Copa ACCEGA de Doma Clásica, na que participan máis de 40 binomios. Desenvolveranse probas en case todos os niveis, dende o 1, no que compiten os máis pequenos, ata o San Jorge, considerado de alta competición.

A entrada a Equina 2016, á que concorren máis de 200 exemplares de distintos puntos de España, é gratuíta, sendo tamén libre o acceso aos aparcadoiros do recinto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar