Preparativos para a 21 edición do Festival de Cine de Ourense

Acceso á web do 21OUFF

O salón de plenos do Concello de Ourense asistiu  ao primeiro paso do 21 Festival de Cine Internacional de Ourense (21OUFF): a presentación do seu cartel, obra de Pablo Menor Palomo, e da súa renovada web, na que xa se adiviñan detalles do propio cartel. “A imaxe dun evento define en grande medida a súa alma”, destacou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. “O cartel e a web son dous elementos con moita potencia a nivel de comunicación, pero tamén dúas potentes ferramentas para chamar a atención do que ocorrerá en Ourense do 28 de outubro ao 5 de novembro vindeiros”, dixo.

A presentación contou coa presenza de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) -entidade que renova o compromiso co OUFF achegando 32.000 euros para a presente edición-, quen felicitou o Concello de Ourense “non só por manter o Festival, senón por facer unha aposta decidida optando por un perfil recoñecido no mundo do audiovisual como é Fran Gayo”. Foi precisamente o director asturiano quen tomou o relevo de Sutil, presentándose coa mellor das tarxetas de visita posibles: “Este festival xa avanza a velocidade de cruceiro, así que agora nos retiraremos aos nosos cuarteis de inverno para poñernos a traballar”, dixo.

No breve espazo de tempo que leva en Ourense, Gayo admitiu que fixera moitos e moi positivos contactos con todos os axentes implicados no OUFF, e adiantou que os eixes sobre os que pivotará o 21OUFF serán dúas seccións competitivas (a de cine iberoamericano e óperas prima), así como tres retrospectivas sobre cine iberoamericano, aínda sen desvelar. Porén, non esqueceu o cine galego: “Non por condescendencia, senón porque cremos que hai unha nova xeración de cineastas moi interesantes, e non hai máis que fixarse nos premio de Cannes a Oliver Laxe ou a traxectoria de Lois Patiño”.

Así mesmo, Fran Gayo fixou coma unha das súas prioridades para este ano a captación de público novo. “Os que nos dedicamos ao cine temos que ter isto moi en conta”, reflexionou. Neste sentido, lembroulle aos presentes que a convocatoria do OUFF-Escola segue aberta, e animou a difundir esta cita para reactivar a canteira de amantes do cine.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar