Miranda recibe aos primeiros participantes do «Reencontros na casa»

Miranda_reencontros na casa_1

 

Os primeiros participantes da edición deste ano do programa “Reencontros na Casa”, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, comezaron a chegar aos aeroportos de Alvedro e Lavacolla. Ás dez da mañá aterraban no aeroporto compostelán os participantes procedentes de Uruguai (29) e ás 11:20 ao coruñés os que viñan de Arxentina (90). Os participantes de Brasil e Cuba e Venezuela chegaron en voos posteriores.

O grupo máis numeroso, o dos noventa beneficiarios que chegan desde Bos Aires, foi recibido polo delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, e mailo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen tamén se achegou a recibir ao resto dos grupos.

En total, este ano serán 174 os participantes neste programa, que ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra, e a súa familia, aos galegos residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través desta iniciativa, facilítase que estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, así como poñerse en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algúns deles, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa nova vida noutros países.

Miranda_reencontros na casa_2

 
O programa establece a concesión de axudas, que poden chegar ao importe íntegro da pasaxe entre os seus países de residencia e Galicia no caso de “países nos que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que debe aboar a persoa beneficiaria, debido a dificultades na política cambiaria”.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar a parte correspondente da pasaxe, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios da iniciativa. O programa permite que os beneficiarios estendan a súa presenza na Galicia territorial ata tres meses.

As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores. Trátase de consolidar e blindar a aposta do Goberno galego por manter, e incrementar no posible, as liñas de actuación social que benefician directamente a cidadanía, de maneira que as políticas socio asistenciais se manteñan mesmo en tempos de dificultade económica para a Administración.

Para beneficiarse do programa, o solicitante debeu acreditar ter nacionalidade española e ser emigrante galego ou fillo de emigrante galego, residir en Iberoamérica, ter polo menos 65 anos, ser válido por si mesmo, e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, puideron beneficiarse os cónxuxes dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Perfil dos participantes
Aínda que os participantes deben ter polo menos 65 anos, cómpre subliñar que a media de idade do continxente supera sempre con creces esta cifra, achegándose decote aos 75. De media, nos anos anteriores 4 de cada 5 participou por vez primeira na iniciativa, e algún deles non volvera a Galicia desde que decidira poñer rumbo ao seu novo fogar en Iberoamérica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar