Don Pablo


Se os políticos doutros tempos levantaran a cabeza, ao ver actuar aos de agora, morrerían de xenreira, de zuna ou, seguramente, quedarían tocados pola rabia ao ver como andan as cousas. Os que están con verdadeiro fastío son os socialistas. Agora, Pablo Iglesias non é o que eles querían, o de sempre; é un mozo estudado, como son a maioría dos novos, listo e con abundancia de saberes no eido da teórica, aplicado e acaparador de imaxes diversas e, para el, positivas. É barbilampiño e co cabelo atado nunha coleta que lle dá nome, verdadeiro símbolo da súa influínte marca. Ninguén sabe o que pensa, pero é obvio que o seu discurso pensado é dos máis captados dos escoitados, segundo poñen de manifesto os informes do CIS.

A Carreira política de Iglesias arrancou xa cando era un bebeciño, cando se lle pon ao meniño o nome de Pablo, facendo co apelido unha sonora combinación de repercusións inesperadas para os que eran de Don Pablo Iglesias Posse, o fundador, o socialista e sindicalista, o tipógrafo ferrolán que nas políticas de hoxe queda, nun principio, relegado. Non pode ser nomeado nin reivindicado, nin recordado.

Iglesias Turrión disto non fala e de moitas outras cousas tampouco. Dalgunhas faino segundo sexa o escenario e o público ao que se dirixe. É un sibarita preocupado pola cor e o estilo do envoltorio e, no contexto de refinamento no que se desenvolve, pode dicir ao mesmo tempo, de forma indiferente, arre e xo e ser lambido coa mesma intensidade nos dous casos. É un político en toda regra, capaz de xerar  co seu nome enorme nerviosismo na casa dos adversarios. É, sen dúbida, o maquinista, un piloto do cambio que case todos propoñen.

En Galicia, segundo a Cartografía dos apelidos, elaborada polo Instituto da Lingua Galega da Universidade, hai 56.097 persoas, distribuídas en douscentos setenta e oito concellos, que se apelidan Iglesias. Se todas van na mesma dirección, o de Podemos poderá escoller cadeira, mentres que os vinte e un  Leiceagas e tódolos socialistas terán traballo dabondo con preservar e resgardar o nome do Pablo Iglesias de 1850, respectado, prezado, querido e admirado. Un home que só entendía ao socialismo na vinculación da acción política á defensa da clase obreira, da que agora ninguén se ocupa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar