«O país máis grande do Mundo» da TVG viaxa a Amsterdam, Miami, Milán e Quebec

O país máis grande do mundo_TVG
“O país máis grande do mundo” viaxará está semana a Ámsterdam para coñecer a Gonzalo, un novísimo emprendedor que, con só 22 anos, xa triunfa empresarialmente coa súa marca dedicada ás bicicletas de segunda man. Ademais, os seus pais acudirán ao estudio de gravación do programa para darlle unha boa sorpresa.

Pola súa parte, Aida Bao coñecerá en Miami a Luís, un galego do Saviñao, que traballa na zona financeira da capital do Estado da Florida. Con el, os espectadores verán como é iso de comer un auténtico caldo galego cunha temperatura propia do Caribe.

En Madrid, Elena Mareque contará a historia dunha foto fantástica. Nela o viveirense Manuel Amor e os seus irmáns aparecen como banda de acompañamento de Rocío Durcal nos anos 70. Despois de varias orquestras e periplos varios, os irmáns Amor remataron facendo de mariachis da xenial cantante madrileña.

Por outro lado, o espazo da TVG continuará afondando na historia de Yovana Morais, a descendente de galegos que está en Galicia coñecendo as súas orixes. Da man do programa, esta moza mexicana está semana a semana descubrindo as raíces da súa familia e da Galicia da que tanto oíu falar pero aínda non coñecía. Os espectadores verán esta semana veremos como vai a unha auténtica verbena galega e como aprende a tocar a gaita.

En Milán agardará Pablo, un deseñador de interiores que vive alí co seu mozo italiano. Con el Elena Mareque dará unha volta pola cidade italiana e probará o típico aperitivo milanés. “O país máis grande do mundo” tamén coñecerá hoxe a María, natural de Noia e que vive no Quebec. A través do seu videodiario, o programa verá como é o seu día a día no Canadá e como leva a distancia coa súa familia.

Ademais, o presentador de “O país máis grande do mundo”, Rodrigo Vázquez, viaxará ata Madrid para coñecer o grandísimo Pepe Domingo Castaño. Con el gozará dunha magnífica xornada en que poderá coñecer o seu traballo na radio, pasear polo centro da capital e gozar dunha agradable cea nun dos restaurantes favoritos do locutor padronés.

 

NÁUFRAGOS

 

A serie documental da TVG “Náufragos” abordará esta noite dúas novas e duras historias de como segue a vida despois dun naufraxio e de como o afrontan os mariñeiros que sobreviviron e as familias dos que non volveron do mar. Nesta ocasión, os protagonistas serán Eduardo Pasantes, que naufragou preto do cabo Vilán, e os náufragos do Marbel, que encallou nas Illas Cíes.

A lancha Abondou saía do porto de Camariñas o 12 de outubro de 2008, cun único tripulante a bordo, Eduardo Pasantes, para pescar robaliza nos baixos As Baleas, ao norte do cabo Vilán. A embarcación foi contra as rochas e Eduardo caeu ao mar. Pasou preto de dúas horas na auga e puido ser rescatado cando desde terra o viron e se puxo en marcha o dispositivo de salvamento.

O protagonista desta historia é un mariñeiro con moitas horas de mar, pero, por moita experiencia que se teña, o naufraxio faise ás veces inevitable, porque as embarcacións son sempre moi vulnerables á forza do mar. “Náufragos” falará da súa experiencia con Eduardo Pasantes, conversará tamén coa súa muller e o seu irmán pequeno e contará co testemuño de Sonia Santos, que foi quen o viu no mar e deu a voz de alarma para rescatalo.

Os espectadores tamén coñecerán hoxe a historia do Marbel, un buque do arrastre con base en Vigo, que o 28 de xaneiro de 1978 saía para faenar en augas africanas. Ao pasar á altura do cabo Silleiro, produciuse unha avaría na máquina que fixo que o barco quedase á deriva. Houbo varios intentos infrutuosos de remolcalo e, despois de varias horas sen goberno, embarrancou nas Illas Cíes. Dos seus 36 tripulantes, só nove lograron salvar a vida.

O naufraxio do Marbel viviuse cunha inmensa dor en toda a ría de Vigo, xa que en case todos os portos da zona había mariñeiros traballando neste barco. Disto dará boa proba o testemuño de, entre outros, José Manuel Rúa, mariñeiro que salvou a vida neste naufraxio, Amparo Fernández, viúva de Manuel Pérez, morto no accidente, e Raimundo Calviño, cuñado do capitán do Marbel.

 

 

A REVISTA

 

O programa “A Revista” asistirá hoxe en directo en Oleiros á rodaxe da tv-movie “Juana de Vega”, participada pola TVG e producida por Zenit Televisión, que vén incrementar a colección de biopics de personaxes femininas galegas salientables, iniciada tamén por Zenit con “Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde”, á que seguiu despois “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”. Dirixida por Zaza Ceballos e con guión de Miguel Anxo Murado, o papel principal da activista e escritora liberal estará interpretado por Mabel Rivera, na súa madurez, e por Sonia Castelo, na etapa correspondente á súa xuventude.

A seguinte conexión en directo está situada na mesa localidade coruñesa. O espazo da TVG achegarase en directo ao CEIP Parga Pondal de Oleiros para coñecer unha curiosa iniciativa relacionada co cinema galego. O proxecto “Colorín Coloreando” está a impulsar a imaxinación e a creatividade dos alumnos deste centro escolar, que están a rodar a súa propia película.

No tempo das entrevistas, o programa recibirá a visita de Iria Lis, membro da asociación Músicos ao Vivo, que falará da situación e da problemática deste sector e tamén da recente creación da Unión Estatal de Sindicatos de Músicos, Intérpretes e Compositores, que se uniron para defender os seus dereitos e combater a súa recoñecida precariedade laboral.

Tamén haberá tempo para falar de moda en “A Revista”, que contará coa presenza da colaboradora habitual do programa Edith López, quen, ademais de falar das últimas tendencias, referirase á campaña “Boinas en Compostela”, que pretende recuperar este complemento tradicional galego para transmitir unha imaxe moderna e creativa do noso idioma.

 

ZiGZAG DIARIO

 

“ZigZag Diario” contará hoxe coa presenza no estudio de gravación do arquitecto Carlos Seoane, gañador do Premio FAD de Arquitectura, na categoría de cidade e paisaxe, polo miradoiro da Pedra da Rá, en Ribeira. Seoane eliminou os elementos de feísmo que estragaban a vista da figura granítica para colocar no seu lugar unha varanda de aceiro e outra pedra maciza para contemplar o horizonte bañado pola ría de Arousa.

O espazo da tvG2 ofrecerá tamén unha reportaxe sobre a exposición no MAC da Coruña do pintor Hakon Bleken, figura indispensable da arte norueguesa. Con esta mostra amosa por primeira vez en España a súa obra, unha selección exclusiva que reúne as súas pezas máis emblemáticas das últimas décadas, un mundo expresivo particular que oscila entre a figuración e a abstracción.

Os espectadores verán tamén unha mostra do traballo do fotógrafo Román Montesinos, cuxa exposición “Non lle busques tres pés ao gato” se pode ver no Mosteiro de San Clodio, en Ourense. Trátase dunha colección de fotografías en que o autor establece unha simbiose entre obxectos que recrean finalmente unha metáfora.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar