O Concello da Coruña restrinxe o tráfico na Mariña

Plano do Parrote_provisional

Abrir o mapa en formato maior, AQUÍ

A Concellería de Mobilidade Sostible fixo efectivos os cambios unha vez completada a instalación da sinalización vertical; momento no que establecereon dispositivos policiais que ofrecerán información e controlarán o paso de vehículos

Os cambios no tráfico rodado da superficie da Mariña, derivan da apertura do túnel do Parrote a finais de marzo e que, como salienta o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, “liberarán a simbólica fachada acristalada da Mariña do paso de máis de 12.500 vehículos que están a transitar a diario pola mesma na actualidade”, coa restrición do acceso aos vehículos privados entre o edificio da Autoridade Portuaria e a rúa do Parrote.

Como lembra o responsable municipal, neste ámbito unicamente poderá circular o transporte público, que inclúe tanto autobuses como taxis, os vehículos de carga e descarga en horario de 06.00 a 11.00 horas (en días laborables) e vehículos de residentes. Terán o acceso vedado as motos e ciclomotores dos non residentes. Non obstante, en cumprimento do Real Decreto 1056/2014 polo que se regulan as condicións básicas de emisión e uso da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade, permitirase a circulación dos vehículos que presenten a mesma de forma visible a condición de que o destino final atópese dentro da zona de acceso restrinxido. Do mesmo xeito, e como ocorría ata agora, os servizos de mudanzas, vehículos de obra e de servizos especiais poderán acceder ás zonas peonís e restrinxidas, previa solicitude de permiso de paso e acceso.

A restrición de acceso fíxose coa posta en funcionamento da sinalización vertical, a partir das 10.00 horas. Polo momento, o Concello non instalará dispositivos de control físicos nos accesos á zona, pero si se establecerá un dispositivo policial que informará e controlará o paso de vehículos.

Tal e como recorda o responsable municipal de Mobilidade Sostible, no punto de acceso da Autoridade Portuaria o Goberno local proxecta consolidar a glorieta situada fronte á mesma, que funciona desde o pasado verán e que, por unha banda, permite a saída dos vehículos que chegaron ao límite da zona restrinxida e mantén operativa a saída do párking soterrado que se sitúa xunto ao teatro Colón e, por outra, evita que o edificio de Correos sexa utilizado a modo de rotonda polos coches privados de maneira habitual.

 

RESIDENTES

 

Desde a Concellería de Mobilidade Sostible salientan que, a partir deste primeiro punto de filtrado, situado á altura da Autoridade Portuaria, poderán incorporarse á zona restrinxida aqueles veciños e veciñas residentes na avenida de Montoto e, igualmente, aquelas persoas que teñan permisos de acceso ás rúas Real e Riego de Auga. No outro extremo, á altura do Xardín de San Carlos, establécese un filtro por onde accederán os e as veciñas da Cidade Vella, así como residentes do paseo da Dársena e hóspedes do Hotel Finisterre. Á altura do hotel establecerase o último dos filtros de acceso á área restrinxida ao tránsito. As persoas residentes da Cidade Vella poderán acceder á mesma a través da rúa Parrote e abandonarana pola rúa Tabernas e o paseo do Parrote, en sentido Castelo de San Antón. A partir da rúa Tabernas, os e as residentes do paseo da Dársena poderán continuar ata as súas vivendas debendo efectuar a saída da zona restrinxida exclusivamente polo paseo do Parrote. A contorna situada entre o edificio Molina e a rúa María Barbeito estará vedada ao tráfico de vehículos privados; por esta última soamente poderán circular vehículos de carga e descarga no horario establecido, de 06.00 a 11.00 horas. Residentes e propietarios de vados da rúa Santiago accederán aos inmobles desde o interior da Cidade Vella.

Nese sentido e, de cara a mellorar a circulación interior e acompañar as actuacións levadas a cabo polo Goberno Local a partir do peche das parcelas pertencentes ao Ministerio de Defensa na Maestranza –que derivaron na reordenación do aparcadoiro do Oceanográfico e a conversión en prazas de aparcadoiro dun dos carrís do Paseo Marítimo por parte da Administración local– o Concello procedeu ao cambio de sentido da rúa A nosa Señora do Rosario, que se convertirá nunha rúa de baixada. Igualmente, e como adianta o concelleiro Díaz Grandío, procederase á reordenación da rúa Maestranza, na que se restrinxirá un dos sentidos de circulación para reconverter prazas de aparcadoiro en liña en prazas de aparcadoiro en batería.

As persoas usuarias do aparcadoiro do Parrote poderán entrar e saír do mesmo desde o acceso situado no interior do túnel do Parrote e polo acceso situado fronte á Solana, mentres que a boca situada en Porta Real pasará a ser exclusivamente de saída de vehículos, en sentido Castelo de San Antón, tal e como está sinalizado na actualidade.

 

ACCESO DESDE AVENIDA DE ARTEIXO

 

A Concellería de Mobilidade Sostible informa tamén de que os vehículos procedentes da avenida de Arteixo que desexen acceder á Cidade Vella a través do túnel do Parrote deben facelo tomando Juan Flórez e chegar á avenida Linares Rivas pola rúa Marcial del Adalid. Unha vez en Linares Rivas, poderán acceder á avenida do Porto desde a praza de Ourense.

A ruta recomendada desde este departamento municipal para os veciños e veciñas que queiran chegar a Monte Alto é a que leva desde a praza de Ourense por Sánchez Bregua cara a Juana de Vega e, atravesando o túnel, pola avenida de Pedro Barrié da Maza.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar