Ropoboacións e guerrilla

No ano 1940 o goberno aproba o Plan Nacional de Repoblación Forestal. Desde ese ano a 1946 investiron nel 258 millóns de pesetas, o 2,9 % do total dos orzamentos, máis do triplo do que tiñan investido desde 1900 a 1935. Polo que se ve era prioritario para o réxime franquista.

Cal é a razón?

Segundo a propaganda oficial, a repoboación tenta incrementar a produción forestal eliminando o déficit de madeira. A propaganda vense abaixo se temos en conta que eses montes non estarán en produción até 20 anos despois e tamén que nos anos 50 diminuíron de xeito exponencial eses repoboamentos, malia a que os orzamentos estatais aumentaron considerabelmente e que a “reconstrución do País” estaba moi adiantada.
Un, que desde pequeno sempre escoitou falar aos maiores da sinrazón do repoboamento do monte Faro, roubándollo aos veciños e impedíndolles as labores de pastoreo, roza de toxos e corta de leña que viñan realizando tradicionalmente, atopou a explicación n­unha teses que me fixo chegar Juan Miguel Sierra Vigil. Segundo este enxeñeiro forestal castelán, a rendibilidade económica era algo secundario, a principal aposta era estratéxica: rematar coa guerrilla utilizando a repoboación como “ferramenta de control social”.

Non é unha técnica nova, o Goberno español xa a puxo en marcha en Marrocos e outras potencias europeas nas nacións colonizadas do mesmo continente.

Se ollamos o número de hectáreas repoboadas por provincia, dámonos conta de como teñen unha relación directa coa ofensiva guerrilleira: o 54,44 % de repoboación correspóndese co 33,75 % das detencións de guerrilleiros. Pontevedra, Lugo e Ourense, están entre as 10 provincias que máis repoboacións soportan. Tamén os tempos son importantes: as repoboacións coinciden co auxe local das guerrillas, desaparecendo no resto do estado a comezos dos anos 50, pero seguindo en Galiza até os anos sesenta. Hai que ter en conta, segundo Sierra Vigil, tamén tres consideracións: o 80 % dos orzamentos eran gastos de xornais, que estas obras as executaba directamente a administración e que, nelas, ao contrario de todas as outras, nunca traballaron presos políticos.

A Lei do Solo de Galicia, que entrou en vigor no mes de marzo, e o Plano Forestal aprobado pola Xunta de Galicia, tenta no só impedir, coincidindo con aquel Plan Forestal franquista, a multifuncionalidade tradicional dos nosos montes, senón que usa, de novo, a lexislación para sacarlle o control da propiedade aos veciños.

Pregúntome que se agocha detrás desta ideoloxía forestalista do PP? Tan só tentan producir máis madeira para as celulosas ou hai detrás un deseño estratéxico de carácter colonial?

En política, eu non lles creo nas casualidades.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar