Primeiros composteiros comunitarios en Pontevedra

Compostaxe

Monte Porreiro contará con composteiros comunitarios antes de fin de mes. Hoxe comeza a obra civil para a instalación dos tres primeiros puntos -quince módulos- no barrio de Monte Porreiro. Os tres puntos de compostaxe comunitaria (con cinco módulos cada un deles) estarán localizados na praza de Europa, a rúa Italia e a rúa Alemania, informou a concelleira de Servizos, Carme da Silva.

Estes primeiros composteiros chegan da man do plan Revitaliza da Deputación. A eles sumarase unha experiencia comunitaria máis na parroquia de Campañó. Este punto de compostaxe dará servizo a usuarios especiais (cemiterio, restaurantes, veciños non residentes…) xa que no rural o xeral será o uso de compostoiros individuais.

Nos próximos días mestres composteiros reuniranse coa veciñanza de Monte Porreiro co fin de explicarlles as pautas a seguir para unha correcta separación en orixe, básico para o éxito do sistema. É xente concienciada para desenvolver a experiencia xa que a propia asociación de veciños, as Anpas… recolleron por escrito o compromiso voluntario de establecementos e veciños de sacar adiante a experiencia.

Paralelamente o Concello de Pontevedra está a tramitar o prego de condicións para a adquisición dos composteiros comunitarios que se despregarán polos barrios de Monte Porreiro e de Campolongo, os primeiros espazos da cidade cuxas veciñanzas pediron pór en marcha o sistema alternativo de recollida de lixo. Con este obxectivo e para o presente exercicio económico hai consignada unha partida de 130.000 euros.

Está previsto despregar un total de 204 módulos de compostaxe en 33 puntos do barrio de Monte Porriro e 105 módulos no de Campolongo. O despregue comezará a volta do verán.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar