Ourense, primeira provincia de España de «Destino Turístico Intelixente»

Baltar_Laias_Ourense balnearios

O Goberno de España confirma que Ourense pode ser a primeira provincia «Destino Turístico Intelixente». Así o deu a coñecer Antonio López de Ávila, presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), pertencente ao Ministerio de Industria, na celebración da xornada sobre «Destinos Turísticos Intelixentes, comercialización e experiencias Spain.info», que tivo lugar no balneario de Laias (Cenlle), coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e coa asistencia de medio cento de técnicos de turismo e cultura dos concellos da provincia, alcaldes e touroperadores. O obxectivo do encontro foi achegar coñecementos e experiencias para aportar valor á riqueza turística da provincia e coñecer as plataformas de promoción do turismo que xestiona o Ministerio de Industria.

Previsamente, o traballo desenvolvido nos últimos tempos por parte da Deputación, potenciando a «marca Ourense» nos ámbitos da promoción turística, cultural, deportiva e económica, xunto coa innovación en materia de xestión tecnolóxica, fan que a provincia ourensá sexa considerada un «territorio de vangarda» para aplicar as innovación de xestión no ámbito do turismo e acadar a distinción de ser a primeira provincia denominada «Destino Turístico Intelixente».

Manuel Baltar cualificou como «básico e primordial» posicionar á nosa provincia «aplicando a innovación na xestión do sector turístico, e promovendo á vez o emprendemento e a internacionalización para potenciar as singularidades do noso territorio»

López de Ávila destacou o labor que está a desenvolver a Deputación de Ourense coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, sinaladamente no ámbito do termalismo social e deportivo «que se traducen en promoción e competitividade para a provincia de Ourense». Por elo, Segittur, que desenvolve proxectos nos ámbitos da tecnoloxía, o emprendemento, a internacionalización, a innovación e o coñecemento aplicados ao sector turismo, fixouse no traballo que está a realizar a Deputación de Ourense para certificar que o territorio ourensán será a primeira provincia co distintivo «Destino Turístico Intelixente».

Ser «Destino turístico intelixente», supón aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das TICs, para crear servizos diferenciais e competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo.

Ourense, iniciativas de vangarda

«Contemplamos a provincia de Ourense como un todo –explica Manuel Baltar-, á hora de levar a cabo iniciativas turísticas e promocionais de vangarda», e citou eventos tan importantes como a vindeira edición da «Vuelta a España», que este verán disputará por primeira vez na historia catro etapas na provincia de Ourense, ou o programa de Termalismo Social, «que achega á nosa provincia a turistas de 40 cidades de España, por medio dun convenio con Renfe; un programa que contempla un sistema tecnolóxico de xestión inmediata a través do teléfono móbil que permite aos usuarios reservar ao momento a súa estancia nos establecementos balnearios da provincia ourensá».

Baltar, quen agradeceu a cooperación que amosa neste ámbito o Goberno de España coa Deputación, citou tamén o proxecto que está a impulsar de «Provincia Intelixente», «o cal agardamos teña financiamento europeo para levalo a cabo e que xa ten espertado o interese doutros territorios dentro e fóra de España, un proxecto no que a Deputación actúa como eixe vertebrador de todos os concellos á hora de prestar servizos aos cidadáns».

O presidente do goberno provincial lembrou tamén o labor que está a desenvolver a Deputación co Plan «Ourense, a provincia termal» e tamén co impulso que lle está a dar á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco, iniciativas estas, unidas a outras do ámbito deportivo e de promoción cultural e patrimonial «que fan que se incrementen as cifras de turistas que nos visitan e que os visitantes elixan a nosa provincia para pasar uns días de lecer coñecendo as excelencias do noso territorio».

Na xornada de hoxe, organizada polo Inorde, desenvolvéronse dous relatorios, un a cargo de Antonio López de Ávila, quen falou da aposta de futuro que supoñen os Destinos Turísticos Intelixentes, e Patricia Zapardiel, directora de Proxectos de Segittur, quen ofreceu claves de impulso e asesoramento para a creación e comercialización de experiencias turísticas a través do portal oficial de turismo de España www.spain.info

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar