A igualdade necesaria

Ninguen podería imaxinar que nos tempos que corren, xa no comezo avanzado do século XXI, teríamos no noso arredor riscos de exclusión social, o peor mal que se lle pode presentar a unha sociedade normalizada e, aparentemente, en evolución cara a mellor. E, con todo, a principios deste mes de xuño, o informe anual Análise e Perspectivas 2016 da fundación Foessa advirte que as persoas e os seus problemas non foron o centro de atención das políticas dos últimos anos. Tal vez poidamos considerar a advertencia como innecesaria, por ser a situación ben coñecida, pero aí queda. Os datos demostran que aumentaron as desigualdades entre os grupos de poboación e entre as distintas Comunidades Autónomas.

Temos a obriga de esixir unha sociedade xusta, temos que contribuír nesa loita necesaria contra a fame e pola igualdade dos homes e mulleres

Ao parecer, a crise trouxo consigo unha enorme redución dos ingresos familiares, calculada no dez por cen e cun efecto moi negativo para aquelas familias que tiñan ingreso pequenos ou persoas en situación de paro. Xa o dicía a Tía Manuela, «a can fraco todo son pulgas». O informe aludido asevera que «as diferenzas aumentaron e as rendas medias reducíronse, producindo o afundimento das máis baixas». O vinte por cen dos máis ricos da poboación aumentan a súa renda media coa crise, mentres que o vinte por cen dos que teñen menos, acaban na pobreza e con moitas dificultades para saír dela.

O paro aséntase e perpetúase na contorna da sociedade como un dos peores males e, mentres non se erradique, as familias afectadas por el terán unha complicada saída da crise ou non poderán saír nunca dese pozo que se escurece con máis intensidade cada día. E, cantos máis vaian para o pozo negro, máis difícil será a redución da maldita pobreza, que ven como unha lousa, como un canto rodando e esmagando o porvir da sociedade, das xentes de ben e traballadoras, dos humildes, dos que merecen políticas que nivelen un pouco a balanza.

É conveniente, mellor dito, é imprescindible un novo modelo que favoreza a construción dunha sociedade solidaria, máis igualitaria, de respecto e de convivencia pacífica e, xa que logo, sen ningún tipo de explotación de ninguén. Amigos lectores, aqueles que aínda non estamos no pozo, temos a obriga de esixir unha sociedade xusta en tódolos aspectos, temos que contribuír nesa loita necesaria contra a fame e pola igualdade dos homes e mulleres de tódolos pobos do mundo. Vamos aló!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar