O Concello de Santiago aproba o convenio da estación intermodal

Pleno Concello de Santiago_Martiño Noriega_07062016

O Pleno da Corporación municipal deulle luz verde ao convenio da estación intermodal entre o Concello, a Xunta, o Ministerio de Fomento e ADIF. Fíxoo cos votos a favor de Compostela Aberta, a abstención de BNG e PP, e os votos en contra do PSOE.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, explicou que o aprobado hoxe é un convenio marco que hai que desenvolver. É para o Executivo «un punto de partida e seguiremos negociando para ter a mellor infraestrutura para Compostela», indicou Jorge Duarte, que insistiu en que o acordo negociado nos últimos meses vai máis alá da solución unicamente ferroviaria comprometida en 2015, e garante unha solución para un problema histórico de Santiago: a fenda que supuxeron as vías do ferrocarril entre o Ensanche e os barrios do sur.

O edil reiterou que o proxecto licitado por ADIF para a ampliación das actuais vías do ferrocarril condicionou calquera actuación no contorno da estación, posto que é incompatible, por exemplo, co proxecto de Herreros que gañara o concurso de ideas convocado en 2011. En todo caso, Duarte salientou que se mantén a filosofía daquel deseño, pero non os aproveitamentos urbanísticos que supoñía. Nese sentido, o concelleiro lembrou que o convenio asinado en 2009 entre o Concello, a Xunta, o Ministerio de Fomento e ADIF contemplaba máis de 53.000 metros cadrados de aproveitamento urbanístico, en boa medida para uso comercial e hoteleiro, e polo tanto en segundo termo o Concello estaba pagando a estación. O convenio aprobado hoxe suporá un aproveitamento de menos do 10% do previsto en 2009, e só para uso residencial, coa garantía de que un mínimo do 50% das vivendas construídas sexan protexidas.

 

DÚAS FASES DE EXECUCIÓN

O convenio aprobado polo Pleno da Corporación establece dúas fases. Na primeira construirase a plataforma elevada entre o Hórreo e Pontepedriña, con 12 metros de ancho. A petición do Concello incluíuse un ascensor, co obxectivo de garantir que a plataforma poida ser utilizada por toda a cidadanía, mesmo polas persoas con mobilidade reducida. A plataforma terá un custo de 2,5 millóns de euros, e será financiada nun 40% por Adif, nun 30% pola Xunta e no 30% restante polo Concello.

Na primeira fase tamén se inclúe a construción da estación de autobuses por parte da Xunta. O obxectivo é que esta infraestrutura e a plataforma peonil sexan licitados de xeito conxunto a mediados de 2017, e cun prazo de execución de 24 meses.

A segunda fase é a que prevé a construción da nova estación de ferrocarril. Jorge Duarte sinalou que, aínda que o ADIF xa está traballando no proxecto, o compromiso é abordar esta actuación cando se chegue aos 3,5 millóns de pasaxeiros e apuntou que, segundo os datos do Ministerio de Fomento, a día de hoxe pola estación de Santiago pasan 2,8 millóns de usuarios e estímase que a chegada do tren de alta velocidade en 2019 suporá un aumento de 500.000.

Nesta segunda fase realizarase a nova estación, cun orzamento estimado de 29 millóns de euros, cubrirase a plataforma peonil, e acondicionarase unha praza pública á entrada do novo edificio (que estará elevado sobre as vías, ás que se accederá a través de ascensor e escaleiras mecánicas). Ademais, habilitarase un novo espazo de aparcamento con 700 prazas, ampliables a 1.000.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar