Desbloqueada a construcción de 1.600 viviendas protexidas en Vigo

 

Conselleira de Vivienda_Concello de Vigo_desbloqueo Vivendas

 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou en rolda de prensa da presentación no Concello de Vigo da documentación necesaria para desbloquear a construción de 1.600 vivendas protexidas en San Paio de Navia, que se poderán iniciar o vindeiro ano. A preguntas dos xornalistas, a titular de Vivenda do Goberno galego asegurou que se trata do maior proxecto de vivenda protexida que existe actualmente en Galicia, e concretou que máis de 200 serán de promoción pública.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, sinalou que onte o seu departamento presentou ante a Administración local a documentación necesaria para que esta continúe coa tramitación e aprobación da modificación do Plan Parcial de San Paio de Navia. Concretou que o Goberno galego agarda que o Concello proceda con axilidade na tramitación e que a modificación poida estar aprobada a finais deste ano, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda nuns momentos urbanísticos complicados na cidade.

Estas novas vivendas contarán cun investimento aproximado de 250 millóns de euros, dos cales máis de 48 millóns serán achegados polo Executivo autonómico.

Este Plan Parcial ten dous obxectivos fundamentais: aproveitar ao máximo a edificabilidade residencial permitida neste ámbito para destinala a vivenda protexida; e atender as demandas e proposta trasladadas por veciños afectados por esta actuación.

A modificación do Plan posibilitará incrementar as posibilidades de construción de vivendas protexidas en preto de 1.000, concretamente 984, ao pasar de 613 que se podían edificar co documento orixinal ás 1.597 que se poderán construír grazas a estes cambios. En total, a superficie construída destinada a vivenda protexida sitúase nos 189.000 metros cadrados, o que permitirá construír 165 vivendas unifamiliares e 1.430 distribuídas en bloques de edificación residencial.

Outra das actuacións destacadas que contempla o Plan Parcial é un incremento substancial no número de prazas de aparcadoiro público, xa que se proxectan 1.230 prazas nas fases por desenvolver e 629 en terreos das fases xa urbanizadas, o que supón a execución de 1.859 novas prazas en San Paio de Navia.

EXECUCIÓN

A conselleira explicou que coa fin de favorecer a viabilidade do proxecto e o desenvolvemento gradual da actuación, o Plan divide o ámbito do sector que queda por desenvolver en tres polígonos que se executarán en fases sucesivas.

Cómpre precisar que se establecen unha orde de prioridades na execución destes polígonos para garantir as conexións dos novos espazos co sistema viario existente e satisfacer a demanda de vivendas protexidas.

En primeiro lugar, executaranse os polígonos onde se pode construír máis vivenda protexida, 1 e 2 fronte ao 3, correspondente ás zonas de oficina e as dúas grandes superficies para uso terciario. O polígono 1 será o primeiro a desenvolver, xa que a súa execución implica garantir o enlace do sector de San Paio de Navia coa arteria urbana que constitúe a rúa Europa. Neste sentido, Vázquez destacou que a previsión é que as obras de urbanización deste primeiro polígono estean rematadas a finais de 2018.

A continuación, procederase a desenvolver o polígono 2, cun claro predominio de uso residencial; e por último, o polígono 3, de uso terciario, abrindo a posibilidade de que os promotores privados adianten a execución da urbanización.

O Goberno galego destinará 8 millóns de euros para a primeira fase de adquisición de solo necesario para urbanizar esta última fase de San Paio de Navia. Esta partida xorde do Fondo do Superávit de Responsabilidade e permitirá adquirir en réxime de compravenda preto dun 40 % do solo que queda por expropiar.

A Xunta prevé realizar unha primeira fase de compra de solo por mutuo acordo cos propietarios, previa a posibles permutas e ao expediente de expropiación. A operación realizarase a través dunha oferta pública de adquisición de solo, que será publicada no DOG á maior brevidade posible, entre este mes e o vindeiro.

A titular de Vivenda manifestou que o resto de solo será adquirido a través de permutas por edificabilidade e a superficie que non sexa obtida por estes sistemas será incluída nun expediente de expropiación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar