A Deputación de Pontevedra tenta fomentar o emprego entre a mocidade

Deputacion Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que o vindeiro 9 de xuño terá lugar «Xuventude 3.0. Outra ollada«,unha xornada para presentar a concellos, centros educativos, entidades e asociacións da provincia as novas políticas do organismo provincial en materia de xuventude. «Na nova Deputación temos un compromiso firme coa xente moza, e por iso, por primeira vez temos unha área específica para a xuventude, con plans e medidas acordes coas súas necesidades, e non só un departamento que se limita á xestión de campamentos, tal e como pasaba antes», resaltou Carmela Silva.

A xornada, que se desenvolverá no Edificio Administrativo da Deputación, estrutúrase coma un foro de debate para intercambiar experiencias e iniciativas en canto a políticas activas coa xente moza. Despois dunha presentación da nova área de Cohesión  Social e Xuventude e das medidas que se están pondo en marcha, terán lugar dúas mesas redondas onde se escoitarán todas as voces. A primeira mesa «Políticas efectivas de Xuventude» servirá para coñecer políticas activas que están levando a cabo distintas administracións, dende concellos máis pequenos como Tomiño ata outros grandes coma Vigo ou tamén deputacións coma a de Xaén. Na segunda mesa redonda, baixo o título «Xuventude 3.0. Programas e proxectos», terán a palabra diferentes entidades, asociacións, colectivos e universidades que se moven no ámbito dos máis novos e que desenvolven actividades con éxito entre a mocidade.

Con esta xornada, ademais de dar a coñecer os proxectos e medidas para a xente nova, tamén se quere resaltar a importancia que a nova Deputación lle dá aos máis novos, algo que non só se manifesta nunha nova área de goberno específica, senón que se trata dun traballo transversal onde están implicados todos os departamentos. «As políticas de xuventude están inxeridas en todas as nosas actuacións, non só nun departamento estanco. Queremos que os máis novos teñan oportunidades para todo, para o emprego, para o lecer, para a formación ou para o deporte e para iso traballamos», salientou a Presidenta.

PLANS DE PRÁCTICA LABORAL EN EMPRESAS

Silva fixo un repaso dos programas e proxectos que a Deputación desenvolve para a mocidade. Destacou especialmente as iniciativas que se realizan para fomentar o emprego entre os máis novos, unha das liñas estratéxicas de traballo da nova Deputación, e lembrou os  máis de 2,7 millóns de euros que se destinan aos plans de práctica laboral na Deputación e concellos e en empresas. No Plan de Práctica Laboral en Deputación e concellos -con 2 millóns de euros- presentáronse 1.312 solicitudes de mozos e mozas, dos que agora 209 xa están traballando e completando así a súa formación en áreas afíns aos seus estudos. Para o Plan de Práctica Laboral en Empresas -cun importe de 700.000 €- estanse valorando agora as preto de 1.400 solicitudes de empresas e entidades para poder acoller a algún dos 400 bolseiros ou bolseiras.

A Presidenta salientou ademais que, dentro das políticas de loita contra o desemprego xuvenil, tamén están xa en marcha 15 bolsas de práctica laboral nas oficinas de turismo da provincia para este verán, así como o proxecto de mobilidade «Practicum Depo» Erasmus+ para que titulados e tituladas de formación profesional poidan realizar prácticas en empresas europeas. Entre outubro de 2015 e abril de 2017, 123 mozos e mozas se beneficiarán deste proxecto, do que onte mesmo se entregaron os diplomas acreditativos das primeiras estancias no estranxeiro.

 

CONVENIO COA UNIVERSIDADE DE VIGO

 

Carmela Silva destacou tamén que se ten asinado un convenio coa Universidade de Vigo para complementar cunhas axudas da Deputación aos bolseiros e bolseiras Erasmus que teñen dificultades para facer fronte aos seus estudos no estranxeiro. Un total de 90 estudantes se aproveitan este curso desta medida, e outros 60 o farán o vindeiro curso, cun investimento total de 150.000 €. Entre as medidas pioneiras implementadas dende a nova Deputación, Silva tamén fixo mención aos cursos de inglés para a xuventude, que comezan para a semana que vén en Sanxenxo. Son cursos presenciais, de 20 prazas cada un, que tamén se realizarán en Cangas, Nigrán e Vilagarcía.

Ademais de programas e medidas para o emprego e a formación, a Presidenta tamén resaltou as iniciativas para o lecer, entre as que salientou o novidoso «Depo Ruarte», un programa con propostas de lecer innovadoras, modernas e dinamizadoras, cun orzamento de 100.000 €. Na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a adhesión de máis de 50 concellos da provincia que despois desenvolverán as distintas actividades para os máis novos, que van dende a arte urbana ata a música ou a cociña.

Silva recordou ademais que dende o Goberno provincial se melloraron e actualizaron os programas de campamentos de verán existentes, con «Depo Aventura» e cos Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe.  Ámbolos dous teñen grande acollida entre os máis novos, xa que para «Depo Aventura» houbo preto de 4.000 solicitudes para 2.200 prazas, e no Príncipe Felipe rexistráronse máis de 500 solicitudes para 300 prazas dispoñibles. En ambas iniciativas, a Deputación inviste máis de 240.000 €.

Na provincia de Pontevedra, a 1 de xaneiro de 2016, hai 131.397 mozos e mozas de entre 15 e 29 anos, que representan o 14,2% da poboación total da provincia. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística sobre movementos migratorios, referidos a 2014, un total de 2.580 mozos e mozas pontevedreses de entre 16 e 29 anos marcharon á emigración externa, 838 ao estranxeiro e 1.742 a outra CCAA. Segundo os últimos datos do paro, coñecidos onte e referidos ao pasado mes de maio, un total de 4.399 menores de 25 anos están en paro na provincia de Pontevedra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar