Vigo asina un convenio con Fomento para a humanización da Avenida de Madrid

Ana Pastor_Abel Caballero_sinatura acordo convenio mellora Avenida de Madrid en Vigo_PROVISIONAL
O alcalde de Vigo informou este venres da aprobación do proxecto de convenio co Ministerio de Fomento para humanizar a Avenida de Madrid, desde a Praza de España ata a intersección coa rúa Gandarón. O goberno local tamén deu luz verde ao convenio coa Zona Franca para un aparcamento do Parque Tecnolóxico e Loxístico.

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o proxecto de convenio para a humanización da Avenida de Madrid, reforma que supón un investimento estimado en dez millóns de euros e que abrangue desde a Praza de España ata o cruce coa rúa Gandarón. Así o explicou en rolda de prensa o alcalde de Vigo, quen apuntou que o Ministerio redactará o proxecto e se encargará da licitación e execución das obras.

O texto define que un millón de euros servirán para a redacción dos proxectos e das asistencias técnicas que sexan necesarias, con cargo a Fomento. Dos nove millóns restantes, seis irán con cargo ao Ministerio, para a parte central, que é da súa titularidade, e os outros tres millóns corresponderanlle ao Concello de Vigo, para as zonas exteriores. O Concello de Vigo transferirá ao Estado os tres millóns unha vez sexa aprobado definitivamente o proxecto de construción e antes da licitación das obras.

Tal e como indica o convenio, o Ministerio investirá os sete millóns de euros en distintas anualidades: medio millón este ano, millón e medio o próximo, catro millóns no 2018 e o millón restante no 2019.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar