A CRTVG renova a sua web para facilitar o acceso á información

WEB crtvg-provisional

A CRTVG reforza a súa aposta pola súa páxina web como canle de comunicación e servizo á audiencia cun cambio na organización e deseño da súa web corporativa www.crtvg.gal. A páxina organízase en bloques temáticos, cun deseño horizontal que lles facilita aos usuarios o acceso aos contidos dun xeito moito máis organizado e sinxelo. Deste xeito, a CRTVG quere estar máis preto das necesidades do seu público e seguir avanzando no seu compromiso de achegar contidos de calidade en galego en Internet.

Unha das grandes novidades do redeseño aplicado á web, que agora conta cunha distribución máis horizontal e organizada en bloques temáticos, é un primeiro bloque con acceso aos directos da TVG e da Radio Galega. Incorpóranse tamén dúas novas canles de emisión en directo: unha canle infantil e outra onde se poderán ver os mellores momentos da semana da TVG.

En canto aos bloques de temas, o usuario poderá acceder en primeiro lugar ao módulo de Informativos coas noticias clave do día, que enlazan coas noticias e vídeos completos. No segundo módulo, de Televisión, publicarase a información do prime time diario, o acceso ás promocións da semana e aos cortes dos programas máis relevantes de cada día da semana. E o módulo de Deportes actualizará tamén as noticias máis destacadas.

No bloque da Radio Galega destacará o acceso ao último boletín informativo, ás entrevistas de actualidade informativa, e á sección “Está pasando”, coa información de primeira man actualizada polos servizos informativos da emisora.

Por outra parte, a sección “O Tempo” amosará a última predición informativa, o acceso ao servizo de cámaras web instaladas en toda Galicia e a posibilidade de consultar a predicción meteorolóxica de cada concello galego.

Por último, os módulos de Cultura, Corporación e Outros Servizos  amosarán, respectivamente, a información cultural galega con reportaxes e entrevistas do programa cultural da tvG2 “Zigzag Diario”, a información corporativa máis destacada, e o acceso a diferentes servizos que ofrece a CRTVG, como son o sistema de información por mensaxería a través do móbil “Gcontigo”, o “Pasouoquepasou.crtvg”, o arquivo en liña da TVG, e Vivea.gal, o portal de contidos culturais e de ocio (concertos, espectáculos, teatro, etc.).

A web www.crtvg.gal inclúe tamén o módulo do servizo “Á Carta”, co acceso aos programas de prime time, así como ás series en emisión da Televisión de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar