Plan de emprego no Concello de Lugo

imageA alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este mércores no Salón de Comisións un almorzo de traballo con representantes da Asociación de Mulleres Empresarias. Unhas 10 mulleres acudiron a esta cita que serviu para intercambiar información sobre as necesidades e as expectativas que teñen as mulleres empresarias, así como para coñecer os plans do Goberno Municipal respecto ao fomento do emprego e a empregabilidade, para os que destina 5 millóns nos orzamentos deste 2016, dos cales 1,1 se dedicarán a poñer en marcha un plan de emprego municipal, que busca a implicación de todos os axentes sociais e do tecido económico do municipio, como dita asociación.

“As mulleres empresarias teñen moito que aportar a este plan de emprego, que entendemos que debe ir vinculado á demanda para poder ofrecer unha boa oferta e facer que a efectividade sexa o máis alta posible, non só na execución senón no mantemento dos postos de traballo que podemos xerar”; subliñou a Alcaldesa, quen asegurou que “é imprescindible contar coa experiencia de primeira man das empresarias, que son xeradoras de emprego, e polo tanto cumpren unha función social e dinamizadora dentro do Concello”.

Lara Méndez, quen insistiu na importancia das políticas de conciliación da vida familiar e laboral, tamén lles deu a coñecer polo miúdo o plan Inicia Coworking, que conta cun orzamento de 800.000 euros, e grazas ao cal se ofrecerá a máis de 260 lucenses un apoio integral, individual e personalizado para pór en marcha con éxito unha empresa.

Nesta xuntanza tamén se transladou a vontade tanto por parte da rexedora como das empresarias de seguir con lazos e vínculos de colaboración, “pois as empresarias, que teñen un local no CEI-NODUS, fan aportacións moi boas, atendendo consultas e complementando información que se da dende o Concello”, segundo explicou a rexedora.

No almorzo de traballo tamén se puxo de manifesto a importancia de unir forzas entre administracións e asociacións para aproveitar os recursos existentes e facer cidade entre todos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar