David de María e O Combo Dominicado poñenlle ritmo a «Bamboleo» na TVG

30Bamboleo_TVG O cantautor David DeMaría, nome artístico de David Jiménez Pinteño, leva na música desde os 14 anos. Aos 19 sacou o seu primeiro disco, que titulou co seu nome profesional. Varios álbums e varios éxitos despois, este ano saca novo traballo ao mercado: “Siete”. Hoxe estará no programa “Bamboleo”, da Televisión de Galicia, interpretando un dos temas clásicos do seu repertorio: “El perfume de la soledad”.

O espazo musical que presenta Xosé Manuel Piñeiro contará tamén cunha das orquestras máis populares das festas e romarías de toda Galicia, El Combo Dominicano. Ademais, estarán no escenario do programa dous artistas galegos: Sofía Espiñeira, que interpretará “A Maruxiña”, e Batemento.

Gañadora do II Certame de Canción de Autor en Galego do Concello de Teo en 2015, Sofía Espiñeira ten xa no mercado o seu primeiro traballo discográfico, “Alá onde agroman as herbas”, que compartirá cos espectadores do “Bamboleo”.

Batemento, pola súa parte, é unha formación nova, de músicos tamén mozos, que fan electrónica e que foron quen de deseñar un novo concepto musical desde Galicia, fusionando instrumentos tradicionais como a gaita galega, a frauta barroca e o Whistle, cuxos sons mesturan con avanzada tecnoloxía.

“Bamboleo” contará tamén con todas as súas seccións habituais. En a “ITV do amor”, haberá que acertar cal é a verdadeira parella dunha persoa. En “Agora ou Nunca”, Noelia e Carolina amosarán as súas dotes artísticas. A primeira, interpretando “Por la boca vive el pez” de Fito y Fitipaldis e, a segunda, con “Tanto cielo perdido”, de Shaila Durcal.

Ademais, “Déixate de juasá!” animará a parella composta por Ana e Alberto a prescindir de trebellos tecnolóxicos e a dicirse as cousas á cara; a “A Jrileira enfrontará ao karaoke dous concursantes: Lucía e Adelina; en “Canción dedicada”, dous namorados, Isabel e Antonio, de Pontevedra, falarán dos inicios da súa relación e, en “Dirtidansi”, distintas parellas bailarán a ritmo de samba, chachachá e jive.

AQUÍ GALICIA

As exaltacións gastronómicas volverán ser protagonistas este sábado en “Aquí Galicia”, que nesta ocasión se despraza á Guarda para gozar da XXVI Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. A exaltación deste delicioso crustáceo, en que todos os presentes poden degustar o manxar a prezos populares, tamén se amplía a outros pratos para coñecer os excelentes produtos do mar da costa guardesa.

No apartado gastronómico do programa, como non podía ser doutro xeito, a protagonista absoluta será a lagosta, pero tamén quedará sitio para probar o bocado doce do famoso roscón de xema, a sobremesa típica da Guarda.

Ademais de gozar da comida, o espazo da TVG fará turismo pola Guarda, con parada nas praias fluviais de Armona, A Lamiña e O Muíño, ideais para familias con cativos, e as costeiras de Area Grande, Fedorento e O Carreiro, moi frecuentadas polos amantes da vela e o submarinismo. “Aquí Galicia” tamén falará do pasado, presente e futuro do único transbordador galego, o que une A Guarda con Caminha.

Pero se algo non podía faltar nesta visita á Guarda é unha reportaxe sobre o monte de Santa Trega, onde se atopa o máis emblemático e visitado dos castros galegos e desde onde se pode gozar dunhas impresionantes vistas panorámicas de Portugal, o núcleo urbano da Guarda, o val do Rosal, a costa atlántica e a desembocadura do río Miño.

Coma en todas as súas edicións, o programa contará cunha profusa animación musical, coas actuacións da orquestra Passarela, o músico coruñés DJ Sonic, que compón “moonbahton” en galego, os grupos de baile tradicional e moderno de Xamaraina, a Agrupación Musical do Rosal, a formación de música tradicional Trebón dos Xidos, composta na súa meirande parte por tambores e bombos, e o grupo de música, baile e canto tradicional Vento Mareiro. Tamén se ofrecerá unha exhibición de bailes de salón a cargo dunha representación da Academia Estudio 88.

VIVIR AQUÍ

Coa chegada do bo tempo, as actividades ao aire libre convérsense, sen dúbida, na forma favorita de ocio, especialmente en Galicia, onde os rigores do tempo impiden moitas veces gozar deste xeito de entretemento. O programa “Vivir Aquí” interesarase esta semana polas distintas formas de compatibilizar natureza e deporte no tempo de verán.

Así, os reporteiros do espazo da TVG proporanlles aos espectadores percorridos que permiten gozar da paisaxe, tonificar o corpo e coñecer lugares novos. Ir de Marín a Moaña en cabalo, percorrer a distancia que separa o Ulla do Deza en quad, baixar o Miño en canoa e percorrer a costa do Grove en barco son as rutas que hoxe realizará “Vivir Aquí”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar