Respecto ás diferenzas

Teolindo er amigo de todos. Chamábanlle ‘Tio-lindo’ e a el non lle importaba, dábao por certo. Era tranquilo, traballador, bo veciño, pero pouco aplicado nos labores que requirían xeito e paciencia. Se ten que enfiar unha agulla, morre no intento. Pobre Teolindo!, exclamaba a súa muller, Rosalía, quen aseguraba que o marido participaba activamente nos labores domésticos: nada máis verme coa escoba na man, levanta os pés e así podo varrer sen estorbos. Era un caso. Un caso digno de gravar para mostrar como anda iso da igualdade de xénero. Rosalía queríao así, “se hai que varrer, limpar ou fregar, xa o fago eu”. Tamén lle limpaba os zapatos de vestir e de traballar. “É unha muller boa, onde as haxa”, dicía Teolindo, con razón e con amor.

A veciña, que era estudada, tiña na súa casa un can, un loro e un par de gatos, todos eles eran os máis guapos do lugar e de tódolos lugares coñecidos. Eran, segundo ela, intelixentes coma os humanos ou “probablemente, máis que moitos”. Rosalía queríalle ben a esa veciña, pero non a entendía, non era quen de atinar a razón pola que aguantaba, pola mañá cedo, os funguidos do cadelo, aos pés da cama; ao loro bocalán, tódalas tardes, e, polas noites, os maullidos dos félidos que ían coa ama á cama. Eran veciñas e amigas, pero non compartían as súas formas de convivencia. Teolindo, tampouco. Co seu xeito de falar, enervaba á veciña: “aos animais hai que quererlles como animais, como son”.

Aquela mesma tarde, xuntáronse para cear. Sentaron na mesa os tres e outro matrimonio de amigas recentemente casadas, Lola e Sofía, que acudirán á cita con tres das mascotas que tiñan: un porco vietnamita de cor negra e tamaño mediano; un coello Rex, de orixe francés, pelaxe limpa e, ao parecer, un dos máis intelixentes que se atopan, e un galo de Mos, pequerrecho e aínda inadaptado aos lugares luxosos, como aquel cuarto recuberto de vistosas telas con intensas cores relaxantes. Pobre Teolindo! Non daba creto do que cos seus ollos vía.

Cearon el e as mulleres, o cadelo, os gatos, o galo de Mos, o coello e o porco negro. O papagaio encargouse de amenizar o encontro, para desgusto enorme do galo que se celaba do brío co que se movía aquel paxaro de grande peteiro curvo. Rosalía deu de comer aos animais, cada un, “un máis da familia”. Teolindo axudou a montar a mesa, sentou e agardou ata o final, con total respecto ás diferenzas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar