A Deputación de Ourense aproba as obras dos accesos ao complexo hospitalario

Pleno Deputacón Ourense_31032016

 

O pleno da Deputación de Ourense aprobou destinar un total de 949.614 € para as obras de urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o que permitirá acometer esta importante infraestrutura na zona de ampliación do centro sanitario da capital ourensá. Desta maneira, o ente provincial coopera co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e co Concello de Ourense na realización desta obra, cuxo investimento total ascende a 1,3 millóns de euros. A actuación do goberno provincial foi decisiva para desbloquear este proxecto e para que os orzamentos comprometidos para o mesmo poidan executarse, co obxectivo de poñer a disposición das veciñas e veciños da provincia de Ourense unha moderna infraestrutura hospitalaria.

 

COOPERACIÓN CO SERGAS

O acordo enmárcase na liña de cooperación que a Deputación de Ourense ven mantendo co Sergas e forma parte do convenio de colaboración asinado a catro bandas entre Xunta de Galicia (por medio do Sergas), a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense para realizar estas obras de urbanización de accesos. O proxecto global da ampliación do complexo hospitalario está financiado polo Sergas e executado pola Axencia Galega de Infraestruturas, mentres que Deputación e Concello de Ourense asumen o financiamento da urbanización de accesos, sendo a institución provincial quen achega a maior parte dos investimentos para esta obra: 949.614 euros.

Por outra banda, o pleno da Corporación Provincial aprobou tamén destinar 300.000 € para o Programa “Educou” para a realización de obras de mellora e acondicionamento en centros educativos de 35 concellos da provincia de Ourense. As actuacións de infraestruturas educativas realizaranse no marco do 2º Plan Educou, correspondente ao ano 2016, e a iniciativa aprobada hoxe no pleno permitirá axilizar os trámites e comezar de contado a execución das obras, cuxo obxectivo é seguir mellorando a calidade da atención á infancia e ás infraestruturas e servizos que se prestan nos centros educativos da provincia de Ourense.

Asemade, o Pleno da Corporación Provincial deu conta do balance económico da Deputación de Ourense referido a 2015, o cal reflicte os mellores resultados económicos do ente provincial en toda a súa historia: 26,7 millóns de euros de remanente de Tesourería e a menor porcentaxe de endebedamento, situada no 34,9 %. Neste sentido, destaca tamén o novo descenso que se produce no período de pago medio a provedores, 12,3 días, e reafírmase a estimación de que en maio de 2019 a institución chegará ao remate do actual mandato con endebedamento cero.

O pleno aprobou tamén a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación en materia de acceso ás sesións plenarias, establecendo segundo os criterios técnicos as normas sobre acceso e o aforo máximo na zona de público que se establece en 45 persoas, todo elo coa finalidade de garantir o normal funcionamento das sesións plenarias.

Tamén aprobou o plenario a moción relativa á defensa das deputacións provinciais de réxime común, na que se reivindica “o papel fundamental das deputacións, a quen constitucionalmente lles corresponde o goberno e administración autónoma das provincias, como vertebradoras do territorio e cooperadoras cos concellos, mediante asistencia económica, técnica e xurídica”, sinalando que estes entes deben “continuar co proceso de modernización administrativa para gañar en eficiencia, contar nun novo marco de financiamento e reformar a lei electoral para a elección directa dos integrantes da corporación provincial, reiterando o acordo unánime deste pleno do debate sobre o estado da provincia de 2014”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar