Vigo pecha o anterior exercicio cun superávit de 22 millóns

Concello Vigo

O Pleno da Corporación tomou coñecemento este mércores da liquidación do orzamento municipal de 2015, que arroxa indicadores positivos e consolida a Vigo como a cidade coas finanzas máis sólidas de España, en verbas do edil de Facenda. Jaime Aneiros subliñou a execución do 90% do orzamento, a débeda cero do Concello e o pago a provedores nun prazo de dez días.

A sesión plenaria deste mércores tomou coñecemento da liquidación do orzamento do Concello de Vigo e os seus organismos autónomos no 2015, que resulta cun superávit superior aos 22 millóns de euros.

O concelleiro de Economía e Facenda, Jaime Aneiros, explicou o documento, que presenta “sete parámetros positivos”: o resultado da liquidación, o remanente de Tesourería, a estabilidade orzamentaria, a regra de gasto, o obxectivo de estabilidade financeira, o aforro neto positivo e o cumprimento do prazo legal de pago a provedores.

Aneiros engadiu que a liquidación consolida a Vigo como a urbe española coas finanzas máis sólidas, un “referente” entre as administracións públicas. O edil ofreceu algúns datos, como que o Concello paga aos seus provedores nun prazo de dez días, que no 2015 realizou abonos por valor de 218 millóns de euros e que a administración local ten débeda cero cos bancos, cando no 2006 cada vigués debía 300 euros.

Na quenda de réplica, a Marea de Vigo manifestou ver “arbitrariedade” nalgunhas partidas orzamentarias e puxo en cuestión o control ás concesionarias municipais. Rubén Pérez citou exemplos como os 224.000 euros que quedaron sen executar do coñecido como “cheque social”, os 440.000 euros do plan de emprego ou 331.000 euros pendentes de accións turísticas, mentres que en programas de Alcaldía se adicou case un millón de euros cando a partida orzamentaria era de 75.000 euros.

Pola súa banda, o grupo municipal do PP asegurou que o superávit rexistrado reflicte “incapacidade” do goberno de Vigo para executar o orzamento e citou como exemplo o gasto do 60% dos investimentos previstos para o 2015. Elena Muñoz argumentou esta denuncia con gastos de emprego, comercio e turismo.

O goberno municipal de Vigo retou á oposición municipal a presentar “un só dato negativo da liquidación de 2015”, en verbas do seu concelleiro de Facenda. Aneiros replicou que Vigo é a cidade galega con menor presión fiscal e que, froito do superávit, existen investimentos que se executan na cidade neste ano. Reiterou por último a execución do 90% do orzamento programado, respectando as obrigas cos provedores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar